Unha picada anual? Moderna traballa nunha vacina para a gripe e a Covid

Tres viais da vacina de Moderna (Foto: Isabel Infantes/Europa Press).
A farmacéutica estadounidense está a desenvolver paralelamente unha vacina específica contra a variante Ómicron.

A farmacéutica estadounidense Moderna prevé pór no mercado a finais de 2023 unha vacina única que sirva ao mesmo tempo para a gripe e a Covid-19, que se inocularía todos os anos.

Así o confirmou esta segunda feira no Foro de Davos o conselleiro delegado da compañía, Stephane Bancel: "Trataríase dunha dose de reforzo anual para que as persoas eviten ter que vacinarse dúas ou tres veces no inverno".

O obxectivo deste fármaco é, aliás, reducir a alta frecuencia das inmunizacións de reforzo que se está a producir na actualidade, e que leva moitas persoas a rexeitaren a vacina.

De feito, a Organización Mundial da Saúde (OMS) cuestionou a pasada sexta feira a administración de doses de recordo do mesmo composto, e apostou no desenvolvemento de novas vacinas que fagan fronte ás diferentes mutacións da Covid-19.

A comezos de xaneiro as e os dirixentes de Moderna xa advertiran que as persoas precisarán dunha cuarta picada no otoño de 2022, xa que é "probábel" que a eficacia dos reforzos contra a Covid diminúa nos vindeiros meses.

Vacina específica para Ómicron

Nesta liña traballa tamén Moderna, que está a estudar a creación dun fármaco específico para combater a variante Ómicron. Esta vacina, segundo dixo Bancel, está a piques de conseguirse e podería presentarse nas vindeiras semanas ante as autoridades reguladoras, comezando polas dos Estados Unidos de América (EUA).

Neste foro interveu o epidemiólogo Anthony Fauci, asesor do Goberno de Donald Trump no comezo da pandemia, quen sostivo que administrar unha nova dose por cada variante non é o "óptimo", polo que debe procurarse unha vacina universal que sirva contra calquera mutación do coronavirus SARS-CoV-2.