A inmunidade ante o catarro podería protexer tamén da Covid

Un estudo publicado esta segunda feira en 'Nature' abre a porta a novas vacinas para hipotéticas novas variantes.
EuropaPress_4184920_10_january_2022_india_jaipur_students_stand_in_queue_as_they_wait_to
photo_camera Vacinación onte en Jaipur, India (Foto: Vishal Bhatnagar / PTI)

As defensas naturais do corpo ante un catarro común poderían ofrecer protección adicional contra a Covid-19, segundo un estudo, a pequena escala, publicado na segunda feira pola revista Nature

A mostra incluíu 52 persoas que convivían con outras contaxiadas co SARS-CoV-2. Aquelas que desenvolveran un "banco de memoria" de células T ─os glóbulos brancos que protexen das infeccións─ tras un catarro ─enfermidade respiratoria vírica como a Covid-19─ mostraban maior resistencia fronte a doenza que causa o novo coronavirus. 

"A exposición ao virus do SARS-CoV-2 non sempre dá lugar á infección, e quixemos entender por que. Descubrimos que os altos niveis de células T preexistentes, creadas polo organismo cando se infecta con outros coronavirus humanos como o arrefriado común, poden protexer contra a infección co virus da Covid-19", sinalou a doutora Rhia Kundu, autora do estudo, do Instituto Nacional do Corazón e os Pulmóns do Imperial College de Londres. 

Futuras vacinas

Non obstante, os autores do estudo salientan que sería un método de defensa adicional e non substitutivo da vacinación, que consideran a chave para evitar a enfermidade grave. "Aínda que se trata dun descubrimento importante, é só unha forma de protección, e gostaría de subliñar que a mellor maneira de protexerse contra a Covid-19 é estar completamente vacinado, incluíndo a dose de reforzo", remarcou Kundu

O descubrimento podería ademais axudar a crear unha vacina efectiva contra variantes futuras, xa que estas células T atacan as proteínas internas do virus, no canto da proteína da espiga da superficie: as vacinas con proteínas internas, polo tanto,  inducirán unha resposta das células T moito máis ampla.

Comentarios