A mobilidade dentro da Galiza reábrese do 23 ao 25 para visitas familiares de Nadal

Na Coruña e no resto das cidades, agás Ourense, a mobilidade perimetral segue limitada. (Foto: Concello da Coruña)
Cun chamamento a reducir ao máximo os encontros festivos máis alá do núcleo de conviventes e a advertencia de que as restricións poden endurecerse a semana que vén se os casos aumentan, a Xunta actualiza o seu plan de Nadal, que acouta a dez persoas –cun máximo de seis adultas e catro crianzas– as reunións e permite até a noite do 25 a mobilidade entre localidades para visitas familiares. As medidas, que serán controladas por 11.000 axentes policiais, pretenden evitar un aumento dos contaxios, que nos últimos días se manteñen estábeis, e minimizar a terceira vaga da pandemia.

Desde esta cuarta feira e até as 23 horas do día de Nadal queda reaberta a mobilidade interior na Galiza, tamén naquelas localidades que teñen implantados fechamentos perimetrais por mor da Covid-19. É unha das principais novidades da actualización do Plan de Nadal da Xunta que deu a coñecer hoxe o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, despois de reunir na xornada desta segunda feira o comité clínico para analizar a evolución da pandemia.

Coa conclusión de que a situación é de "estabilidade" –sen aumentos significativos, agás en lugares puntuais, mais sen a diminución de casos que se viña producindo en semanas anteriores–, o Goberno galego abre esta "ventá", exclusivamente para permitir encontros familiares, e malia a recomendación, reiterada hoxe polo conselleiro e polos membros do comité que o asesora na xestión da crise sanitaria, de evitar no posíbel os contactos con persoas non conviventes durante as festas. 

"A mensaxe é clara: menos é máis. Menos reunións, menos tempo e menos visitas é máis seguridade para que non se produza a terceira vaga", sinalou o responsábel da Xunta, que finalmente si limitará nos encontros festivos o número de crianzas de até dez anos que poderán xuntarse, cun máximo de catro para as reunións con seis persoas adultas –o límite marcado no plan galego–, adaptándose así ao límite de 10 persoas que se fixou no Consello Interterritorial de Saúde.

A apertura puntual da mobilidade afectará seis das sete cidades –todas agás Ourense–, que polo menos até o día 29, e coa excepción destas tres xornadas, manterán as súas limitacións perimetrais. A Xunta desbota levantalas, ao non situarse ningunha por baixo dos cen casos activos por cada cen mil habitantes nas últimas dúas semanas, novo límite de incidencia acumulada estabelecido que responde, afirmou o conselleiro, ao "principio de prudencia", á vista do aumento dos contaxios no Estado español e do estancamento no país. 

Incidencia acumulada

Esa estabilización da situación epidemiolóxica galega queda reflectida, segundo apuntou na comparecencia a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, na incidencia acumulada media da Galiza a 14 días, que se situaba a pasada segunda feira en 177 casos por cen mil habitantes, practicamente a mesma que o pasado día 18 (177,6). O dato é levemente superior ao de hai unha semana (167, 48) se ben notabelmente afastado de cifras anteriores, caso do 2 de decembro, cando se situaba nos 251, ou de finais de novembro (286,57).

Con todo, a responsábel de Saúde Pública chamou á cautela e apelou a outros parámetros –arredor de 5% de positividade por PCR e número reprodutivo básico instantáneo –que mide a capacidade de transmisión da enfermidade–, perto de 1 pero aínda por enriba, ademais da evolución da incidencia acumulada– para reafirman que a situación é "estábel", máis non de descenso.

En canto á evolución das cidades, Durán valorou que tamén se mantén, con certa mellora no caso da Coruña –por riba de 110 casos a 14 días–, Ferrol –136 a 14 días e baixando até 68 na incidencia acumulada a sete días– e Lugo –tamén por riba dos 100 casos a 14 días–. Con Ourense e Vigo sen cambios significativos, como tampouco en Pontevedra, o Concello de Compostela é, segundo recoñecen desde a Xunta, o que máis preocupa, cunha incidencia acumulada a 14 días de 194 casos e tendencia ascendente, malia as restricións de tránsito que volveron imporse hai unha semana.

Xunto coas cidades, Sanidade acordou nas últimas horas elevar as limitacións de mobilidade e actividade ao máximo nivel en Rianxo, polo aumento de contaxios, e mantén en vixilancia especial Verín, Aranga, Noia, Porto do Son, Vilagarcía de Arousa, Viveiro, Burela, Dozón, Vedra, Muros e Xinzo de Limia.

Por contra, melloran Muxía, Meis, Ribadumia, Cerdedo-Cotobade, Pontecaldelas e Vilaboa, que pasan ao nivel básico de restricións, co que se suprimirá a prohibición de entrada e saída, e suavízanse as restricións en Moaña, Vilalba, Tui e Ponteareas.

Visitas que chegan de fóra

As pautas de mobilidade, encontros interpersoais e funcionamento e horario da hostalaría –até as 17 ou as 23 horas, dependendo do nivel de restrición do municipio, e con posibilidade ou non de usar o interior do local e con grupos de até catro ou seis persoas como máximo– aplicarase tamén a aquelas persoas que cheguen a Galiza desde fóra do país durante as festas. 

O conselleiro de Sanidade lembrou esta terza feira que, malia que existe desde este día 23 e até o 6 de xaneiro, unha restrición xeral de entrada, a visita a familiares está contemplada como unha das causas que permiten a mobilidade nestas datas, xunto coas laborais, educativas, sanitarias ou de coidados.

Para facelo está aberto na web do Sergas o rexistro de persoas viaxeiras –na que tamén poden inscribirse estudantes que veñan de fóra ou que se trasladen ao seu concello desde outro–, a través do cal o sistema de saúde prescribe e fixa probas diagnósticas, en función da situación epidemiolóxica do lugar de procedencia.

 

Este é un estrato do tema que publicamos hoxe, día en que se producirá a entrega deste inmoble ao Estado. Se queres saber máis atoparás o contido completo no Nós Diario que agarda no quiosque ou na tenda online. Para futuros despistes, é mellor que te subscribas xa!