Plan Nadal: a Xunta permite entre 23 e 25 de decembro entrar e saír de concellos fechados perimetralmente

Dous axentes nun control de mobilidade no Carballiño. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
Para visitas familiares e desde as 00:00 horas do día 23 até as 23:00 horas do día 25 de decembro. Esta mobilidade non se aplica

"Xogámonos moito nestes días", manifestou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na comparecencia de hoxe para dar conta dos acordos do comité sanitario, que informou da primeira recomendación: celebrar o Nadal, só con conviventes

“En epidemioloxía non se pode falar a longo prazo”, dixo. Por iso, as medidas que avanzou esta terza feira van ser aplicábeis só durante esta semana, até o día 28 en que volve reunirse o comité.

Mantense a incidencia acumulada en 100, polo que as 7 cidades principais da Galiza van seguir como están, no mesmo estatus. Entre 23 e 25, informou, vaise permitir unha mobilidade “excepcional” con motivo dos encontros familiares. Iso si, o conselleiro recomendou non facer esas visitas

Así, os habitantes dun  concello con limitación de mobilidade, poderán desprazarse para visitas familiares desde as 00:00 horas do día 23 ata as 23:00 horas do día 25 de decembro. Por tanto, despois das 23:00 horas do 25 até a medianoite do 29 non haberá mobilidade por motivos de visitas familiares. 

O toque de recoller vaise "adaptar" e vai ser á 1:30: horas do 24 ao 25, é dicir, na Noiteboa.  Só para esa noite, o día de Nadal volve ser ás 23:00 horas.

A mobilidade excepcional non é aplicábel para as persoas que nestas festas veñan de fóra da Galiza e para as que rexen os criterios de mobilidade dos concellos. 

Composicións dos grupos familiares

Sobre as xuntanzas familiares, a principal recomendación da Xunta é que estas reunións se integren unicamente por persoas que pertenzan á mesma unidade familiar, sendo esta unha modalidade na que non existiría límite no número de persoas.

Nun segundo chanzo, o Executivo galego recomenda que as xuntanzas se cingan a un máximo de dúas unidades familiares, introducindo como límite a cifra de 10 persoas, para respectar o establecido no Plan elaborado polo Consello Interterritorial.

Por último, a terceira opción proposta pola Xunta, fai referencia as xuntanzas compostas por máis de dúas unidades familiares, unha situación na que non se debe exceder a cifra de 6 persoas adultas, e un máximo que 4 nenos con idade non superior aos 10 anos.

O conxunto destas medidas pode ser obxecto de novas modificacións de acordo á evolución epidemiolóxica da Galiza na vindeira semana, así, o próximo 28 de decembro o Comité clínico voltará reunirse para avaliar os datos dos festexos do Nadal.

Peches

O concello de Rianxo incorpórase ao nivel máximo de restricións polo número de contaxios da Covid-19 mentres que as localidades de Muxía, Ribadumia, Meis, Vilaboa, Pontecaldelas e Cerdedo-Cotobade recuperan a mobilidade total ao quedar no nivel básico de prohibicións pola melloría da situación. A Xunta comunicouno após unha nova xuntanza coas expertas e expertos do comité clínico que fai o asesoramento respecto á evolución da pandemia.