Misa a San Lourenzo para pedir a paralización do "pecado ecolóxico" dos proxectos macroeólicos
O párroco Luís Rodríguez Patiño afirma que a destrución do medio ambiente é un “un pecado contra a creación de deus”.
San Lourenzo, patrón dos ventos, foi a xornada elixida polo párroco Luís Rodríguez para facer unha misa na que advertir do perigo dos proxectos macroeólicos. Oficios que decorreron en Xestoso (Monfero, O Eume) e Momán, Labrada (Guitiriz, A terra Chá).
“Misas nas que se expresa a oposición aos parques macroeólicos na Galiza”,explica Luís Rodríguez. “Arguméntase que a sentenza europea que dá a razón á Xunta ignora o sentir dun pobo que depende da natureza e dá pé a unha depredación da natureza a favor dos intereses das grandes empresas eólicas”.
Neste sentido, salienta que “os parques macroeólicos teñen impactos negativos no medio ambiente e non benefician a comunidade local. Son un negocio para as grandes empresas sen repercusión na calidade de vida da comunidade”.
“Pecado ecolóxico”
Apela ao papa Francisco, e o concepto de "pecado ecolóxico, “que considera a destrución do medio ambiente como un pecado contra a creación de deus”. A isto o párroco engadeu “a importancia de tomar decisións sostíbeis que preserven a beleza natural da Galiza”.
