A ministra de Transportes segue sen confirmar cando se recuperará 100% das frecuencias ferroviarias previas á Covid-19

Tren de media distancia. (Foto: Renfe)
Plataformas de persoas usuarias critican a situación de "colapso" de Renfe.

A ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, explicou que as frecuencias dos trens de servizo público recuperarán o 100% da actividade de antes da pandemia "nos próximos meses", cando se incorporen os novos maquinistas actualmente en formación, aínda que non confirmou a data exacta na que isto terá lugar.

Así o manifestou durante a súa intervención no pleno do Congreso desta cuarta feira, no que asegurou que os servizos xa están repostos case na súa totalidade, a pesar das queixas de plataformas e colectivos de persoas usuarias sobre a “escasa dispoñibilidade” de prazas e trens.

Sánchez deu estes datos en resposta ao deputado do PP Andrés Lorite, quen se mostrou crítico coa actuación do Goberno español no ámbito do transporte. O deputado conservador criticou que só se recuperaron as frecuencias anteriores á crise sanitaria en Barcelona.

A responsábel de Transportes argumentou que a pandemia impactou na prestación do servizo ferroviario pero que agora o Goberno estatal está centrado "en mellorar a calidade dos servizos públicos e garantir que ningunha persoa queda atrás, pese á contorna complexa".

‘Colapso’ do sistema ferroviario

Colectivos como a Plataforma de usuarios e usuarias de Media Distancia da Galiza e a Plataforma Perder o Tren levan meses a demandar unha mellora dos servizos ferroviarios ante a situación de "colapso" que experimenta Renfe.

Ambas as plataformas piden unha revisión da programación horaria, tarifas e abonos máis asequíbeis, a flexibilidade dos propios abonos e a fiabilidade do servizo e a súa puntualidade.

Desde a entidade de persoas usuarias da Media Distancia explicaban o pasado mes de setembro a Nós Diario que existe “un gran problema nos sistemas informáticos de Renfe, tanto na web como na aplicación móbil, que se atopan completamente saturadas”.

Esta situación supón que algunhas operacións non se poidan completar, principalmente con respecto á “reserva de prazas ou á cancelación das mesmas". Ademais “moitas prazas quedan bloqueadas e hai numerosas dificultades para acceder aos nosos asentos, porque non temos o código QR preciso”, indican desde a organización.