A ministra Pilar Alegría fica atrapada por un colapso no tráfico en Vigo polo acendido das luces

Tráfico na cidade de Vigo (Foto: Europa Press).
As dificultades para circular por Vigo foron aumentando conforme avanza a tarde, ao encherse os aparcamentos do centro, aumentar o número de visitantes coincidindo co acendido da iluminación e tamén polos cortes que se fan nas rúas máis céntricas.

O colapso de tráfico nos accesos viarios a Vigo obrigou a suspender un acto da ministra Pilar Alegría con cargos e militantes do PSdeG, e cuxa celebración estaba prevista para as 17.45 horas desta sexta feira, nun local de hostalería da Porta do Sol, en pleno centro da cidade olívica.

Este encontro coa ministra de Educación, FP e Deportes e portavoz do Goberno español foi convocado polo partido pasadas as 14 horas e, xa desde primeira hora da tarde, notáronse as complicacións para circular polo centro urbano de Vigo, especialmente polo centro, debido en gran medida á gran afluencia de visitantes portugueses (esta sexta feira é festivo en Portugal).

Cando xa algúns cargos do partido, como Carmela Silva ou David Regades, estaban a esperar a ministra no lugar onde se ía a celebrar o encontro, confirmouse finalmente que Pilar Alegría ficou atrapada nun atasco á entrada de Vigo e que optara por dar volta e dirixirse a Pontevedra, onde acudirá ao partido da selección feminina de fútbol contra Italia, no estadio de Pasarón.

Dificultades para circular

As dificultades para circular por Vigo foron aumentando conforme avanza a tarde, ao encherse os aparcamentos do centro, aumentar o número de visitantes coincidindo co acendido da iluminación e tamén polos cortes que se fan nas rúas máis céntricas.

A iso sumaranse as complicacións derivadas dunha manifestación de traballadores de Vitrasa, que sairá ás 19 horas da Praza dos Cavalos en dirección ao cruzamento de Colón e Policarpo Sanz, en plena 'zona cero' da iluminación.