O Goberno español mantén as diferenzas coa Xunta sobre a área sanitaria para o desconfinamento
A reunión telemática entre o equipo técnico do ministro de Sanidade, Salvador Illa, e os profesionais da Consellaría de Sanidade, con Jesús Vázquez Almuiña á fronte, finalizou sen unha resposta fechada á proposta de desconfinamento remitida esta cuarta feira desde a Galiza.
A proposición do Goberno galego está sustentada en dous puntais: que todo o país pase á fase 1 o día 11 de maio e que, coa área sanitaria como unidade de referencia, se flexibilice a mobilidade no conxunto do territorio no desconfinamento.
O Ministerio de Sanidade segue a analizar o documento enviado desde a Xunta da Galiza, fontes da Consellaría indicaron que a valoración técnica do documento foi "positiva". Con todo, segundo o Goberno galego, mantéñense as diferenzas entre ambas Administracións en relación á área sanitaria: a Xunta defende que sexa a unidade de referencia na Galiza, mentres que o Goberno español traballa coa visión da provincia.
Após o encontro de hoxe, está previsto que haxa reunións de técnicos e, a continuación, un novo encontro bilateral entre o ministro de Sanidade e o conselleiro galego.
Desde Sanidade ratificaron que a Xunta expón o paso á fase 1 de todas as unidades territoriais do país. Con todo, fontes do Ministerio evitaron avanzar calquera paso. "Cando se tomen as decisións, daranse a coñecer", trasladaron, nunha resposta a Europa Press.