A Xunta pide que toda Galiza pase a Fase 1 e mobilidade por todo o territorio galego

(Arxina)

Defende a mobilidade por "toda" Galiza porque a "situación é boa" nas 7 áreas sanitarias

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, anunciou esta cuarta feira que o Executivo galego pedirá que toda Galiza pase á Fase 1 do proceso de desconfinamento a vindeira segunda feira, 11 de maio, e que a referencia que se tome sexa a área sanitaria.

Acompañado doutros dirixentes do Servizo Galego de Saúde, Almuiña detallou as características do documento que se remite ao Ministerio de Sanidade e esgrimiu a situación de Galiza neste momento para defender ese pase.

"Tanto os números absolutos como as tendencias son positivas no conxunto de Galiza e en todas as áreas", explicou o conselleiro, quen indicou que nos últimos 14 días non se computou ningún caso de transmisión en 190 concellos (e en 196 ningún caso de transmisión comunitaria).

Ademais, o Sergas defende a capacidade sanitaria e hospitalaria de Galiza se houbese que dar resposta a novos casos, así como de seguir e illar calquera contaxio que se detecte.

Na súa intervención, Almuiña remarcou que a proposta da Xunta defende a mobilidade en "toda" Galiza porque a "situación epidemiolóxica é boa" no sete áreas sanitarias, tras diminuír os casos de coronavirus COVID-19.

Almuiña subliñou que na reunión telemática que ten co Ministerio de Sanidad ás 17,30 horas desta cuarta feira vai defender que se aplique a mobilidade "a nivel de todo o territorio". "Cremos que a medida debería ser máis flexible entre territorios na mesma situación epidemiolóxica", aseverou.