A minaría metálica "de baixo custo" contamina Varilongo, no Xallas

Auga residual que parte da mina de Varilongo. (Foto: Ecoloxistas en Acción)
A entidade Ecoloxistas en Acción crítica á folla de ruta que ten marcada o Goberno estatal respecto a esta actividade.

A “Folla de ruta para a xestión sostíbel de materias primas minerais” do Goberno estatal busca achandar o camiño para a nova onda de minaría especulativa”.

É a denuncia que formulou onte Ecoloxistas en Acción, que advirte de que o aumento da minaría metálica para abastecer os mercados tecnolóxicos, o transporte eléctrico e as enerxías renovábeis “implica unha ameaza de contaminación sen precedentes por metais pesados e a destrución de hábitats, con especial impacto na Rede Natura 2000 e zonas agrícolas”.

Nesta liña, o colectivo ecoloxista pon de manifesto que a “nova” minaría “creará novos problemas e potenciais desastres que as Administracións demostraron ser incapaces de resolver”.

“A descarbonización e o cambio climático convertéronse nun pretexto verde para seguir contaminando e especulando con recursos finitos”, engade.

Ecoloxistas en Acción afirma que na Galiza “sufrimos acotío a presión extractivista da minaría metálica low cost”.

Pon como exemplo as verteduras ao regato da Braña Ancha realizadas desde a explotación mineira da mercantil que explota en Varilongo, en Santa Comba.

Precisamente, o colectivo, con Contraminacción e con Petón do Lobo, vén de dar a coñecer un documental sobre a mina situada neste concello do Xallas.