As obras que o Real Club Celta de Vigo S.A.D está a levar a cabo no concello de Mos, e que formarán parte da súa cidade deportiva, semellan "excesivas" a ollos de Ecoloxistas en Acción Galiza.
A entidade denuncia que o edificio en construción "baixo a única cobertura legal das licenzas directas excede en demasía o que pode considerarse un pequeno almacén e uns imprescindíbeis vestiarios".
A edificación á que fan referencia aséntase en solo rústico de especial valor forestal. E ditas actuacións "só contan coa licencia directa outorgada polo Concello de Mos", segundo lembra Ecoloxistas en Acción.
Nin a modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal nin o Plan especial deportivo express cos que o consistorio local busca dar cobertura ás obras foron aprobados.
A entidade puxo en coñecemento do Concello de Mos e mais da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) as súas observacións. Reclama a ambos os dous que estuden se ditas actuacións se corresponden coas licenzas directas adxudicadas.
En caso contrario, solicita "a paralización das obras, e o inicio dos oportunos expedientes de disciplina urbanística, en función da natureza das infraccións hipoteticamente cometidas".