martes 04/08/20

A minaría pon os ollos no mar e apunta á riqueza oculta do Banco da Galiza

A minaría libra unha nova batalla con colectivos ecoloxistas para explotar recursos en zonas até agora inexploradas. As tensións chegan agora aos fondos mariños, onde a Galiza conta con importantes recursos de minerais como cobalto ou litio susceptíbeis de ser explotados, mais están en zonas de alto valor ecolóxico.
A minaría pon os ollos no mar e apunta á riqueza oculta do Banco da Galiza

Novamente a natureza volve cruzar nos intereses da industria mineira, mais desta vez nun terreo até o de agora inexplorado na Galiza: o mar. E é que a 180 quilómetros da costa occidental do país, no coñecido como Banco da Galiza, existen depósitos de cobalto, ocorrencias de litio e outros minerais considerados "críticos" (aqueles que pola súa escaseza e os efectos que exercen na economía son máis importantes), segundo recolle o mapa paneuropeo submarino de elementos críticos para a enerxía.

A cuestión é que ese espazo tamén está afectado por diversas figuras de protección (ZEC, LIC)pola súa riqueza natural. Por este motivo, desde Ecoloxistas en Acción alertan dos efectos que unha hipotética actividade mineira submarina podería ter na biodiversidade, na cadea trófica e mesmo na produtividade pesqueira. 

No seu informe Ollos que non ven... a minaría submarina en España, Ecoloxistas en Acción sinala que no canto de abrir unha nova fronteira de explotación mineira industrial en augas profundas, "que incentiva investimentos especulativos", os esforzos deberían encamiñarse á transición cara a un modelo de produción, consumo e reutilización de materias primas "circular, ambiental e socialmente responsábel". "En lugar de apoiar e investir en proxectos científicos de procura de materiais para a súa explotación nos fondos mariños, o foco debería estar na investigación científica da riqueza biolóxica e xeolóxica das augas profundas e os seus valiosos ecosistemas", apuntan desde a organización. 

Principais afeccións

Como alertan no seu informe, autorizar unha actividade tan difícil de controlar e cuxas consecuencias son impredicíbeis pode ocasionar un dano significativo nos fondos mariños así como na fauna que habita neles e na calidade da columna de auga. Neste senso, explican que as nubes submarinas de sedimentos con metais pesados poden desprazarse miles de quilómetros e afectar a zonas distantes, do mesmo modo que as perturbacións dos fondos oceánicos poden ter impactos globais, ao alterar a capacidade de fixar carbono que realiza o fitoplancto.

Moratoria para a minaría

Precisamente, a falla de concreción sobre os efectos que a minaría submarina podería ter en augas galegas e do resto do Estado español é o que leva a Ecoloxistas en Acción a recomendar unha moratoria desta actividade co gallo de protexer os montes submarinos, petición á que se suman outras ONG, organizacións pesqueiras e a propia Unión Europea.

Como lembran, en 2020 a Autoridade Internacional para os Fondos Mariños lanzará o código que regulará a extracción de minerais en alta mar, un órgano no que, segundo denuncian, o Estado español está representado por "expertos en minaría proclives á explotación".

Ante esta situación de discriminación á comunidade científica, que podería favorecer a conservación e a análise nestes ambientes, Ecoloxistas en Acción pídelle ao Executivo estatal que modifique a súa política na Autoridade Internacional para os Fondos Mariños e designe persoas expertas na conservación da biodiversidade destes particulares ambientes e na análise dos seus impactos.

Tamén exixen a elaboración de plans de ordenación do espazo marítimo consensuados e unha lexislación "clara, integradora, enfocada en todas as frontes de actuación" dos caladoiros ou áreas mariñas de interese.

Campaña internacional

Ecoloxistas en Acción fai estas reivindicacións no marco dunha campaña internacional que lidera Deep Sexa Coalition, unha alianza de máis de 80 organizacións que busca o estabelecemento dunha moratoria sobre esta actividade e promove alternativas á destrución dos fondos oceánicos. 

Un dos seus obxectivos, recollidos no informe, é aproveitar ao máximo os materiais actualmente dispoñíbeis e obrigar á reciclaxe de residuos con contidos metálicos, xa que actualmente a recuperación de minerais como o litio, telurio ou terras raras, que son as que se pretende extraer do mar, non supera 1%.

Unha fonte de riqueza natural e mineral a menos de cen millas da costa galega

O Banco da Galiza é un monte submarino situado a unhas 97 millas náuticas (180 km) da costa occidental da Galiza que se atopa a unha profundidades de entre 500 e 1.000 metros. Limita ao oeste coa zona abisal, con caídas até os 4.000 metros. Foi declarado Zona de Especial Conservación (ZEC) e Lugar de Importancia Comunitaria (LIC da Rede Natura 2000), así como Área Mariña Protexida dentro da Rede Ospar. Alberga extensos campos de coral de augas frías e máis de 700 especies catalogadas, incluíndo 6 en perigo de extinción.

Mais tamén agocha amplas zonas de cortizas de ferromanganeso con altos contidos de cobalto e presenza significativa de litio, dous minerais que polo seu interese fan estes xacementos ser susceptíbeis de explotación comercial.

comentarios