Un millón de euros e mil metros cadrados para o macroxuízo polo accidente de Angrois

A manifestación das vítimas do accidente en Angrois rematou na Praza do Obradoiro (Foto: Plataforma Vítimas Alvia).
O próximo 5 de outubro comeza na Cidade da Cultura o xuízo que sentará no banco o maquinista e o ex xefe de seguridade de Adif.

O custo para organizar o xuízo polo descarrilamento do tren Alvia en Angrois, en Compostela, o 24 de xullo de 2013 ascende a 931.759 euros por parte da Xunta, segundo destacou o vicepresidente segundo, Diego Calvo.

O inicio do xuízo está previsto para o 5 de outubro no edificio CINC da Cidade da Cultura de Santiago, no monte Gaiás. A xerente da fundación, Ana Vázquez, cifrou en máis de 1.000 metros cadrados o espazo disposto para esta cita.

1.000 metros cadrados

En concreto, serán 1.058 metros cadrados: 508 da sala de vistas, unha cifra superior á destinada para o xuízo do Prestige, 172 para oficinas xudiciais para a xuíza e fiscalía, 181 para a sala de prensa, 122 para a do público e 75 para a de togas e cafetaría.

Vázquez, que compareceu en rolda de prensa xunto a Calvo e o director xeral de Xustiza, José Tronchoni, sinalou que se farán probas nas próximas semanas para poder comezar "sen ningún fallo".

O vicepresidente Calvo resaltou as "importantes características" dun xuízo que facían "imposíbel celebralo nas dependencias xudiciais" da capital galega, de aí a procura doutro centro "para poder albergar a todas as persoas e cubrir todas as necesidades que leva aparellado". Está prevista a presenza de polo menos 110 avogados e 165 vítimas durante o tempo que dure o xuízo.

Un millón de euros

A Xunta destinará case 1 millón de euros para custear servizos e subministracións necesarias, traballos para configuración do estrado do tribunal e mesados dos intervenientes, medios tecnolóxicos dispostos pola Amtega e contratación de sistemas de garda e limpeza.

"Todo se fixo seguindo as necesidades que o xulgado do penal número 2 mos ía pasando ", subliñou Calvo, quen valorou os "fáciles" accesos da Cidade da Cultura, a súa conectividade co aeroporto "tamén rápida", o espazo para aparcar e tamén para situar unidades móbiles de televisión e radio.

Coa experiencia do macroxuízo do Prestige, o vicepresidente segundo da Xunta asegurou que estará "todo en perfecto estado de revista" o próximo día 5 para comezar o xuízo.

O xuízo

O xuízo polo descarrilamento do Alvia que ocasionou 80 mortes e máis dun centenar de feridos vai comezar máis de nove anos despois de que se producise a traxedia, o 24 de xullo de 2013.

Os procesados son o maquinista, que circulaba cun exceso de velocidade ao ter que atender a chamada do interventor, e o ex xefe de seguridade de Adif, responsábel de velar pola seguridade nunha vía e de que se fixese un adecuado control do risco.

A xuíza terá que determinar se os feitos que se lles imputan son constitutivos de 80 delitos de homicidio por imprudencia grave profesional, de 145 de lesións por imprudencia grave profesional e dun delito de danos. Fiscalía pide catro anos de cárcere para cada un deles.