Miles de persoas marchan en Compostela en defensa da Sanidade Pública

A manifestación de SOS Sanidade Pública na praza da Quintana (Arxina)

Milleiros de persoas tomaron este domingo as rúas de Compostela para manifestarse contra o "desmantelamento" da sanidade pública galega que leva anos xestionando o Goberno do PP

Malia a choiva en Compostela ao chamamento realizado por SOS Sanidade Pública respondeu a sociedade civil con múltiples colectivos profesionais e veciñais así como todos os partidos da oposición no Parlamento galego -PSdeG, BNG, Grupo Común da Esquerda e En Marea- e sindicatos da Galiza.

A manifestación iniciouse na Alameda pasadas as 12 horas e rematou na praza da Quintana coa lectura dun manifesto por parte do actor e director Quico Cadaval, as poetas Lucía Aldao e María Lado; e Aurora, membro da Plataforma de Verín.

A manifestación iniciouse na Alameda pasadas as 12 horas e rematou na praza da Quintana coa lectura dun manifesto

Deterioro e dificultades para a poboación

“Temos un deterioro evidente dos servizos de atención primaria que leva en loita desde o mes de abril con manifestacións e concentracións continuas”, explica a Nós Diario desde a propia manifestación Manuel Martín, voceiro de SOS Sanidade Pública. Relata que “a poboación ten serias dificultades para poder acceder aos centro de saúde e hai demoras superiores á semana”. Desde a plataforma teñen claro que “a capacidade resolutiva do sistema está moi deteriorada pola falta de recursos e as dificultades de acceso ás probas”.

Marian Rodríguez, de SOS Sanidade da comarca do Barbanza, asegura a Nós Diario que “este novo modelo de xestión integrada e áreas grandes remata coa atención primaria e os hospitais comarcais que dependemos dos grandes hospitais”. Denuncia que diante de calquera situación problemática “a nosa voz na consellaría sempre está mediada polo xerente do gran hospital”. 

O culpábel é Feixoo

O nome máis repetido en toda a manifestación era o do actual presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo. Berros como “Feixoo atende, a sanidade non se vende” sumábanse aos de “Feixoo, ruín, non vaias a Verín” ou “o noso meniño non nace no camiño” que saían da nutrida representación da comarca de Monterrei.

“O problema que temos é que a nosa administración acostumouse a faltar á verdade”, explica manuel Martín, “empregan a mentira como unha forma de facer política e iso non é bo”, engade.

Jorge Lorenzo, Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Comarca de Monterrei, explica a Nós Diario que a experiencia de Verín foi froito do cansamento da poboación diante dunha situación inxusta. “Esta é a mala xestión após dez anos de Feixoo”, asegura, “a súa desidia de recortar e recortar quixo deixarnos sen o servizo de pediatría, cando saben ben que non é perigoso parir en Verín”, engade.

A sanidade Pública en perigo

No manifesto final desde SOS Sanidade Pública aseguran que “a decisión de supeditar a Atención Primaria ás xerencias hospitalarias, controladas por burócratas aos servizo de Feixoo supuxeron recortes de persoal, orzamentos e equipamentos nos Centros de Saúde”. Por este motivo exixen “poñer no centro do sistema á Atención Primaria”.

Denuncian que “se están desmantelando os hospitais comarcais” e saúdan a loita de Verín que demostra que “o pobo cando se une é capaz de vencer o poder”. Neste sentido critican a actuación da Corporación de Radio e Televisión da Galiza (CRTVG) “pola súa manipulación” e dan o seu apoio ao colectivo Defende a Galega.

SOS Sanidade Pública exixe que a Consellaría de Sanidade “recupere os recortes de orzamentos e poña en funcionamento aos hospitais e acaben coa dedicación pública e privada dunha parte do persoal facultativo” coa intención de “reducir as listas de agarda”.