Os conflitos na sanidade converxen na rúa

O 10 de febreiro de 2019 unha manifestación en defensa da sanidade pública encheu a praza compostelá da Quintana (Imaxe: CIG- Saúde).
2019 recolleu no seu paso conflitos sanitarios en distintas comarcas e ramas profesionais da Galiza. Profesionais da Atención Primaria, traballadoras dos Puntos de Atención Continuada ou das Urxencias, celadoras, condutoras de ambulancias ou enfermeiras e facultativas eventuais únense á cidadanía, as pacientes, para reivindicar melloras no sistema de saúde cunha manifestación nacional convocada o domingo por SOS Sanidade Pública. 

Como en febreiro do pasado ano, as protestas sanitarias da Galiza volven confluír nunha manifestación en Santiago de Compostela. De novo, a plataforma SOS Sanidade Pública convoca unha mobilización,  apoiada e secundada polas deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra e ducias de municipios, para frear "os recortes de recursos, o desmantelamento de hospitais" ou "o abandono da Atención Primaria".

Conformada por distintas entidades sanitarias, os sindicatos e os partidos da oposición, tamén reclama a falta de recursos na atención á saúde mental, para o tratamento integral das mulleres ou a fin da"ocultación das listas de espera".

A mobilización deste domingo, 9 de febreiro, chega ás portas dunhas eleccións galegas sen data confirmada. Durante a que se produciu o pasado ano, mentres a cidadanía enchía a praza do Obradoiro, o presidente da Xunta, Alberte Núñez Feixoo, manifestábase en defensa da unidade do Estado en Madrid. Entón, coma hoxe, o Executivo galego negou as acusacións de profesionais, sindicatos, asociacións de pacientes ou forzas da oposición. 

A sanidade en cifras

A Consellaría de Sanidade gábase do aumento do número de profesionais sanitarias no Servizo Galego de Saúde (Sergas) e nega recortes durante as lexislaturas de Núñez Feixoo. E o certo é que o total de traballadoras en 2018 supera as cifras de 2009, aínda que con pouca marxe: 35.079 na saída do bipartito fronte a 35.136 hoxe.

Unha gran parte deste persoal confórmano as profesionais non sanitarias. Peneirando os datos, e segundo o Ministerio de Sanidade con cifras de 2018, Galiza conta cun total de 8.212 profesionais de medicina, das cales 2.161 forman parte dos equipos de Atención Primaria; incluíndo as ramas de Medicina Familiar e Pediatría, 4.744 en hospitais e 118 nos servizos de Urxencias. No mesmo período, as profesionais da Enfermaría suman un total de 10.661 traballadoras, das que a meirande parte atenden nos hospitais. Porén, as cifras actuais agochan a eliminación de postos

de traballo que o Goberno galego mantivo durante os anos da crise. Entre 2009 e 2014 chegaron a desaparecer arredor de 2.000, ao tempo que a Xunta da Galiza diminuía os orzamentos destinados á sanidade pública.

No eido das especialidades médicas as cifras volveron as previas á crise, mais isto non foi así noutras ramas segundo os datos do Ministerio de Sanidade, nomeadamente no eido da Atención Primaria. Entre 2009 e 2018 perdéronse 34 postos de Medicina de familia, 5 de pediatría ou 10 de Enfermaría; todas elas ramas que rexistraron os seus niveis máis baixos de profesionais durante a crise.

Precisamente, a falta de profesionais nesta rama da sanidade motivou moitas das protestas  cidadás que cobraron forza nos últimos anos. Se ben as protestas da comarca de Monterrei centraron focos e titulares; veciñanza da Costa da Morte, a comarca de Ferrolterra, ou municipios como Touro, O Pino ou Sada tamén se mobilizaron os pasados meses pola mala cobertura pediátrica.

Noutros territorios é a falta de médicas de familia a que motiva as protestas, como en Valeixe, no municipio da Cañiza, ou no concello de Soutomaior. Ou o peche de servizos en hospitais comarcais, como o Hospital da Costa, na Mariña, ou o Hospital de Verín.

Os recortes tamén tiveron consecuencias nas dotacións estruturais. Na última década pecharon as súas portas 25 consultorios locais e perdéronse 671 camas nos hospitais galegos, segundo datos do Instituto Galego de Estatística (IGE). Das 7.093 instaladas, hoxe están en funcionamento 6.543. 

Profesionais precarias

2019 tamén se caracterizou polas mobilizacións das profesionais da sanidade pública en distintos eidos. Un mes antes da gran mobilización convocada por SOS Sanidade Pública en xaneiro, as traballadoras das Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Compostela (CHUS) tomaban as rúas da cidade a causa dos continuos colapsos no servizo, que se repetiron de novo este inverno antes mesmo dos "picos" de gripe.

As traballadoras dos Puntos de Atención Continuada (PAC) mantivéronse en folga, baixo o lema  "En pé de guerra" durante meses. As médicas de Atención Primaria celebraron dúas folgas; tres no caso da área de Vigo, unha no mes de abril e outra en novembro, para exixir o aumento do cadro

de persoal á par que estabelecer un límite de 30 consultas diarias.

As enfermeiras eventuais constituíron unha plataforma, Enfermeiras Eventuais en Loita, para trasladar as súas demandas, cifrando o índice de temporalidade do colectivo en 40% na Atención Especializada e 28% da Primaria. A precariedade tamén atinxe as médicas sen praza asignada, reunidas no colectivo Facultativas Eventuais en Loita. Unhas e outras sinalan o encadeamento de contratos por días e por horas, ou a ausencia de dereitos como as baixas médicas, as conciliacións ou os servizos.

O propio presidente do Goberno galego recoñeceu a sexta feira que Galiza ten "contratos temporais excesivos" e anunciou unha nova Oferta de Pública de Emprego para o sector.