SOS Pediatras: Galiza perde 25% das profesionais en 15 anos

Concentración esta sexta feria diante da Casa da Cultura de San Sadurniño para demandar a restitución do servizo de pediatría tanto neste concello como noutros municipios da comarca

Non é só Verín. Se o peche da sala de partos deste hospital comarcal situou nunha nova perspectiva social a ausencia de pediatras na Galiza, a súa apertura volveu evidenciar a carencia destas profesionais. Aínda máis, a situación está chamada a empeorar a medio e curto prazo se non hai unha mudanza de fondo nas políticas sanitarias actuais

Agora tócalle á Costa da Morte. Nais e pais de Cee e Corcubión comezaron as accións de protesta para reclamar unha nova pediatra, tras ficar deserta esta especialidade o 19 de xaneiro, como consecuencia do traslado da anterior titular ao Hospital de Verín. Unhas semanas antes era a veciñanza de Zas quen facía públicas as súas reclamacións e quen iniciaba unha recollida de sinaturas para esixir a recuperación do servizo. A Costa da Morte, cunha profesional partillada entre a veciñanza de Vimianzo e Zas e outra entre Muxía e Dumbría, é outro exemplo do estado no que se atopa a atencións as crianzas na Galiza.

"Desvisten un santo para vestir outro", así cualifica, a Nós Diario, o portavoz de SOS Sanidade, Manuel Martín, a solución ao peche da sala de partos de Verín. O traslado a este hospital da pediatra do centro de saúde do Cee puxo finao conflito, após varias semanas de mobilizacións que obrigaron a mudar de posición o Executivo galego, pero abriu novas frontes noutras áreas galegas. Ao tempo que a atención informativa se pousaba sobre a problemática da comarca de Monterrei, familias e institucións locais de Trasancos iniciaban mobilizacións para recuperar o servizo de pediatría partillado entre a poboación de Cerdido, As Somozas, Moeche e San Sadurniño.

A ausencia de pediatras é un problema estrutural na Galiza. Segundo os dados recollidos nun informe elaborado en 2018 polas entidades integradas na Asociación Española de Pediatría de Atención Primaria (AEPap), ao redor dun 12% das prazas están cubertas por médicos de familia, unha cifra que nas comarcas de Lugo acada 20% e nas da Coruña 14%. "E moi complicado coñecer con precisión o número de pedia tras adscritas ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) pola opacidade da Xunta á hora de ofrecer información", sinala Manuel Martín. Porén as diversas estimacións falan de perto de 310 en atención primaria e 150 en atención hospitalaria.

190 concellos galegos sen pediatra

Galiza non deixou de perder pediatras nas últimas décadas. Se á volta de 2004 o Sergas recoñecía 405 pediatras para o conxunto da atención primaria galega e a súa cifra actual roza 310, teríanse perdido perto de 100 prazas nos últimos 15 anos. Na mesma liña, reduciuse o número de concellos con especialistas para crianzas, pasando de 113 que carecían do servizo en 2004 a aproximadamente 190 da actualidade, até o punto de non contar con pediatras comarcas enteiras como Viana, Terra de Trives ou Caldelas. Ningunha das axentes so sistema sanitario galego discrepa do preocupante do problema pero aí rematan as coincidencias entre a Xunta da Galiza e as organizacións en defensa da sanidade pública.

O Goberno galego culpa desta situación a escasa oferta de prazas de Médicas Internas Residentes (MIR) na especialidade de pediatría. Neste sentido, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, dirixiuse recentemente ao Executivo do Estado para demandar un aumento das prazas de pediatría e a eliminación da taxa de reposición para as traballadoras públicas, vixente desde a súa aprobación polo ministro de Mariano Raxoi, Cristóbal Montoro.

"Tarde piou", afirma a Nós Diario o médico internista do Hospital da Mariña Iago Villamil, quen cualifica como "insuficiente a oferta de formación para dar resposta ás necesidades de atención especializada ás crianzas", pero critica o conselleiro de Sanidade "por permanecer calado cando era ministra Ana Pastor e gobernaban os seus".

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube.