Máis de 5.000 persoas

Miles de persoas maniféstanse na Coruña contra a venda e privatización da fachada marítima

A asistencia á mobilización, que demandaba a devolución gratuíta dos terreos á cidade e a fin da especulación cos mesmos, superou as expectativas da propia organización, a Comisión Aberta en defensa do común. Máis de 5.000 persoas reivindicaron que ‘A Coruña non se vende’ nun ambiente de reivindicación e festa nunha "mobilización histórica".

Miles de persoas, unhas 5.000 segundo a organización, manifestáronse este domingo na Coruña nun ambiente de reivindicación e festivo para amosar a súa oposición á venda e privatización da fachada marítimae demandar a devolución gratuíta á cidade daqueles terreos públicos que agora a Autoridade Portuaria pretende vender. Unha mobilización que superou as expectativas da propia organización, Comisión Aberta en defensa do común, que ao longo desta semana incidira na importancia de que a cidade se implicase nesta manifestación para mandar así unha mensaxe clara á Autoridade Portuaria coruñesa.

E a mensaxe escoitouse ao longo do percorrido da manifestación, que saíu da Palloza pasadas as doce do mediodía para, baixo un sol de xustiza, para “recuperar para o pobo o que historicamente é da Coruña”. Así, entre sons de gaitas e palmas, as persoas asistentes corearon lemas de todo tipo, desde ‘A Coruña non se vende’  e ‘Devolución gratuita’ até o clásico ‘Non nos mires, únete’. ‘O porto é noso’ reivindicábase en pequenos cartaces feitos en casa, así como ‘Mar para a xente’.

Na manifestación, presenza e faixas de BNG, CIG, Marea Atlántica, CCOO, Anova, UGT ou Equo, entre outros. O alcalde Xulio Ferreiro, o escritor Manuel Rivas, deputados como Xosé L. Rivas ‘Mini’ (BNG) ou Antón Sánchez (En Marea), o presidente da Fundación Galiza Sempre, Francisco Jorquera, foron algúns dos rostros que se podían ver entre os miles de manifestantes.

“A máis masiva dos últimos anos”

En declaracións a Sermos Galiza, Manuel Monge, membro da Comisión aberta en defensa do común, manifestou estar “moi satisfeitos  coa resposta popular das veciñas e veciños da cidade. É a manifestación máis masiva dos últimos anos na Coruña”. Unha satisfacción partillada polos diferentes colectivos e entidades que apoiaron a mobilización deste domingo.

“Somos do mar e o mar é o que nos une”

A manifestación finalizou perante a escalinata de acceso á Autoridade Portuaria. Alí, Xurxo Souto fixo de mantedor do acto final. Informou que a mobilización era un “éxito clamoroso” e incidiu na salitre que percorre o ADN e a historia da cidade. “Somos xente de mar e é o mar o que nos une”, manifestou, para pasar a xente a facer a onda mentres berran ‘Orzán!’ e o son das buguinas enchía o ar.

Pilar Oviedo, do comité de empresa do hospital militar foi a primeira en tomar a palabra, lembrando que 25 anos atrás lograron evitar a privatización do complexo hospitalario. Dos 25 hospitais que o Ministerio de Defensa tiña en todo o estado o da Coruña foi o único que non se privatizou, afirmou, e iso “foi grazas á mobilización”. Neste punto, Pilar Oviedo asegurou que tal e como se salvou o hospital para a cidade pode facerse cos terreos do Porto. “Depende de nós. Se nos unimos conseguirémolo”.

“Promesas sepultadas no fondo da Ría”

A seguir falou Teresa Ramiro, das mariscadoras da Coruña. “Hai 30 anos mariscando podía gañar a vida. Grazas á Ría do Burgo acadei independencia económica e saquei os fillos adiante. Hoxe é imposíbel”. Lembrou que hai 15 anos prometéuselles a dragaxe e rexeneración da Ría. “Promesas sepultadas no fondo da Ría”

Os xornalistas Consuelo Bautista e Antón Luaces puxeron o ramo coa lectura do manifesto. Antes, Xurxo Souto procedeu a ler a relación de 70 entidades e colectivos que apoiaron unha mobilización que a propia organización non dubida en cualificar como “histórica”.

Imaxes: SG, BNG Coruña e GZ Contrainfo