A Comisión Aberta en Defensa do Común, pola devolución gratuíta dos terreos do porto

A Coruña: unha manifestación sen ánimo de molestar 

Un momento da conferencia de imprensa desta sexta feira

Divisións no seo da plataforma que convoca a marcha deste domingo 7 de maio na Coruña pola devolución gratuíta dos terreos do porto e a ambigüidade do goberno municipal sobre a postura a defender diante do Estado restan forza á mobilización veciñal.

Na terza feira, na Casa Museo Casares Quiroga, vinte das setenta organizacións e colectivos que integran a Comisión Aberta en Defensa do Común comparecen na última asemblea antes da manifestación deste domingo. A asemblea é tensa. Despois dunha hora, o representante de Esquerda Unida fala por primeira vez para dicir que hai que ir avanzando no reparto de tarefas para a marcha. Pero Manuel Monge, ex concelleiro nacionalista e un dos impulsores da plataforma, insiste en que estes días “pasou o que nunca pasara, nin nas mobilizacións polo Hospital Militar nin no Nunca Máis, nunca…”

O que pasou que nunca pasara foi que Marea Atlántica, a forza que sustenta o goberno municipal e que fai parte da Comisión, acordou un acto do que a plataforma non tivo noticia. Foi un paseo do alcalde e dous concelleiros o último domingo de abril; divulgado á marxe e sen ter en conta as demandas de consenso na Comisión, pero que a Marea Atlántica insiste en vincular á manifestación do domingo día 7.

“Rinse de nós, das outras organizacións e da plataforma, do noso traballo. Contraprogramando”, lamentan desde o Bloque. “Nin nos rimos nin contraprogramamos. É a nosa forma de entender a participación nos colectivos. Queremos complementar”, xustifican desde Marea Atlántica. 

Marea Atlántica, a forza que sustenta o goberno municipal e que fai parte da Comisión, acordou un acto do que a plataforma non tivo noticia

“E como se a algún delegado da Coca-Cola polo mundo adiante se lle ocorrera cambiar o lema da chispa da vida e facer unha campaña publicitaria pola súa conta, cos seus propios carteis e lemas”, intervén Monge tratando de rebaixar a crispación. 

Pilar Oviedo, que estivo na loita polo Hospital Militar, apela á firmeza da plataforma: “Ten que sentirse dona e ser a voz deste traballo que se leva feito desde hai un ano e ten que unir os diferentes colectivos”. 

A plataforma reclama non pagar 

A Comisión Aberta naceu en marzo do 2016 na reclamación dos solares do Campo da Estrada, que eran un aparcadoiro a carón da Cidade Vella e cos que o Ministerio de Defensa decidiu facer caixa. “Aquilo parouse. A poxa está suspendida, pero só temporalmente. Nós pedimos a suspensión indefinida e que se devolvan os terreos á cidade, como xa fixo Defensa noutras situacións semellantes en Alcalá e Barcelona”, explica Ricardo Vales, portavoz de plataforma, uns días antes da asemblea desta semana. Ese é o primeiro punto das demandas da Comisión Aberta en Defensa do Común.

 

 

A segunda cuestión é a que xera máis debate. E mesmo a estas alturas, na mesma asemblea, hai quen expresa a división. “Que lle pedimos á xente que vai acudir á manifestación? A devolución gratuíta dos terreos ou a súa consideración como de titularidade pública?”, pregúntase Enrique Carballo, o membro da plataforma encargado das relacións co goberno municipal. O 6 de marzo, o pleno municipal aprobou unha moción pola devolución gratuíta dos terreos da Solana, o Hotel Finisterre e os peiraos de Batería e Calvo Sotelo. Aprobouse cos votos a favor da Marea Atlántica e da única concelleira do BNG, Avia Veira, e grazas á abstención do grupo socialista. O acordo producíase en medio da negociación do Concello coa Autoridade Portuaria.

“No momento que a cidadanía reclama que o porto non se privatice, o Concello ponse, de novo, baixo o seu mandato. Cómpre lembrar que este Goberno local conseguiu entrar en negociacións pioneiras sobre os terreos da cidade, que antes nunca se tiveran na Coruña”, di Xiao Varela, concelleiro de Rexeneración Urbana, que resposta a un cuestionario esta cuarta feira. “O concepto da devolución gratuíta ten matices diversos, e non se debe esquecer que os terreos son de titularidade de Portos do Estado, que é a entidade que ten potestade sobre a súa xestión. A gratuidade é unha consideración de máximos, pero as negociacións sempre teñen matices, e o Concello chegará ata onde poida. O Goberno local negocia, e negociará sempre, para defender a xestión e o uso público do patrimonio común”.

"A gratuidade é unha consideración de máximos, pero as negociacións sempre teñen matices", di a Sermos Xiao Varela

O acordo plenario foi ben preciso na “cuestión de máximos” e por riba incluíu a convocatoria dun referendo cunha pregunta clara (Está vostede de acordo coa devolución gratuíta ao Concello da Coruña para uso público da Solana e Hotel Finisterre, cando acabe a concesión en 2027, de todos os peiraos, do cárcere e dos terreos do Campo da Estrada?) e o compromiso de que o Concello emitiría un bando de apoio á convocatoria da manifestación deste 7 de maio.

O cárcere está agora en mans do Concello nunha cesión temporal (dous anos) por parte do Ministerio de Interior. A plataforma foi ampliando demandas e sinalou ao Concello a necesidade de negociar outro convenio con Fomento que garanta a futura devolución de todos os peiraos que vaian quedando en desuso co traslado da actividade porto exterior de Punta Langosteira (Arteixo).

Recheos

No 2004 a Autoridade Portuaria e o Concello asinaron un convenio que prevé a venda de determinados terreos do porto interior para financiar a obra en Punta Langosteira. “O que non é coherente é querer mudar agora as regras de xogo deixando a Autoridade Portuaria, e ao fin os cidadáns, nunha situación insostible”, apunta Enrique Losada, presidente do ente portuario tamén en resposta escrita. “E habería que matizar o termo devolución, dado que os peiraos son terreos gañados ao mar”.

De recheo en recheo construíuse o espolio. Por iso unha das accións que baralla para despois do domingo a Comisión é levar area coas mans até a vella muralla para recordarlle á xente que até alí chegaba o mar antes de que a avaricia dos asasinos que gañaron a guerra cubrira as praias e as rochas de cascallos. Recórdano tamén no texto que acompaña a recollida de sinaturas entre a veciñanza.

 

 

Hai unha historia silenciada das cidades, un silencio que envolve as crónicas das elites que ten que ver co que alguén chamou a refundación oligárquica do poder tralo franquismo. Na Coruña, estes días, estase empezando a interpelar a esa oligarquía que fundou o seu poder no franquismo nacente dos anos da guerra e que rexe desde entón o presente, o futuro e o pasado da cidade. Hai que empezar polo pasado, sábeno estes veciños, cando se quere desmontar o mito do futuro. E esa outra historia estase empezando a escribir ao fío dos recheos e das fortunas amasadas en sangue.    

Á unidade polo traballo

“A este paso, imos facer unha manifestación para non molestar a ninguén”, reflexiona un veterano activista á saída da asemblea na Casares Quiroga. A asemblea rematou en paz distribuíndo tarefas e as zonas de pegada de carteis na cidade. Os da CIG, Xabier Filgueira á cabeza, empezan a colar no Campo da Estrada nada máis rematar a xuntanza. “No que resta de semana haberá que darlle un último impulso para ter unha mobilización decente. Estamos nun proceso de sensibilización social, levamos así tempo, pero vai ser decisivo o que aconteza nestes días que quedan até o domingo”, confesa Filgueira, secretario comarcal do sindicato nacionalista. 

Ás portas da Casares Quiroga, Demetrio Vázquez, representante de CC.OO. na Comisión, asume que “a xente non está moi mobilizada” e apela á unidade: “Estamos facendo o que hai que facer, xuntar forzas. Inda que non esteamos conformes co cen por cen do que se pide, estamos polo obxectivo común que é a devolución gratuíta. A media que vaian avanzando as cousas, haberá que adaptarse, dar a resposta concreta en cada momento concreto se hai variacións”. “Non esperaría unha mobilización masiva, de quince mil persoas… iso paréceme utópico”, di Enrique Carballo.

Xabier Filgueira (CIG): "No que resta de semana haberá que darlle un último impulso para ter unha mobilización decente. Estamos nun proceso de sensibilización social, levamos así tempo"

No Orzán e nos viños farán pegada os da Comisión. Será hoxe (sexta feira). Antes seguirán recollendo sinaturas nunha mesa diante do Rosalía para chegar ás dez mil. A CIG comprométese a facer pegada desde a praza de Pontevedra, por Riazor e até As Roseiras. A Marea Atlántica encargarase da Agra e do Ventorrillo. Podemos, dos Mallos e da Sagrada. De Catros Camiños a Oza será cousa dos veciños da asociación. Anova en Monelos e o Barrio das Flores. Comisións en todo Elviña... Á unidade polo traballo.

O bando municipal, hoxe

Na quinta feira hai rolda de prensa da Comisión. Celébrase na Casares Quiroga. O cartel é, por fin, o acordado. Deseño de Pepe Barro e Xoan Piñón. A Coruña non se vende sobre unha bica que é a bica da pastelaría da Ildita. O bando que o Concello se comprometera a emitir en apoio das demandas da Comisión publicarase esa sexta feira. Enrique Carballo non desespera. “Non temos todo o que lle pedimos, pero quizá fomos cunhas esixencias altas”. 

“O goberno local non está a facer todo o que está na súa man para que a manifestación do domingo sexa un éxito”, considera Avia Veira, “está a incumprir coa moción aprobada no pleno de marzo e está a renunciar a exercer o liderado en defensa da Coruña. Podía e debía estar facendo moito máis”. Nun comunicado aos seus simpatizantes, a Marea Atlántica segue evitando os lemas da Comisión. “A Marea Atlántica e o goberno da Coruña defenden un modelo de xestión e titularidade públicas para o litoral”, insiste.

“A mobilización permitirá que a cidadanía faga un chamado á Autoridade Portuaria para que entenda que non está a favor da especulación”, sinala Xiao Varela. Desde o ente, Enrique Losada recorda que as negociacións van na procura dunha “fórmula que compatibilice a xestión pública dos terreos coa xeración dos recursos que precisa a Autoridade Portuaria”, e que non hai présas, que hai “prazo até finais de agosto para chegar a un acordo”.

Na asemblea, un veciño dos Castros, da asociación veciñal, levantara a voz esixindo non dar “nin un paso atrás: Esperamos de todas as forzas esa firmeza no momento que haxa que defender a devolución gratuíta dos terreos”. A catro días da mobilización todo o mundo semella ter claro que quere, pero na plataforma non todos queren o mesmo.

 

 

E a Autoridade Portuaria aproveita para furgar na división. “A posición do goberno municipal non é entendible, pois por unha parte di apoiar a entrega gratuíta dos terreos ao Concello, e de outra parte iniciou unha negociación coa Autoridade Portuaria e con Portos do Estado para que a xestión pública dos peiraos actuais poida compatibilizarse coa xeración dos recursos que precisa a Autoridade Portuaria. Alguén entende esta postura?”, sinala Losada.

O bando municipal debería aclarar algo a posición do goberno. Pero onte, na rolda de prensa, Manuel Monge e Ricardo Vales admitían que non coñecen os termos nos que se pronunciará o Concello. A manifestación, que partirá ás doce da mañá da Palloza, irá encabezada por unha faixa que portarán os membros da Comisión. Xurxo Souto será o encargado de presentar aos oradores ao final do acto. E os xornalistas Consuelo Bautista e Antón Luaces lerán o manifesto. Para despois do domingo queda outro chanzo na estratexia de sensibilización que vai levando adiante   

A cidadanía decide?

Para despois do domingo queda outro chanzo na estratexia de sensibilización que vai levando adiante a Comisión: o referendo popular acordado no pleno do 6 de marzo. “Daquela díxose que sería convocado no prazo máis breve posible. Xa houbo ocasión de iniciar os trámites e inda non se fixo. Esperemos que se faga no pleno de xuño”, explica Monge. A Comisión pretende que o resultado do referendo determine a postura do Concello diante de calquera negociación coa Autoridade Portuaria.

O concelleiro de Rexeneración Urbana elude a cuestión da convocatoria e limítase a anotar: “Temos ante nós unha nova oportunidade, que é a de definir un novo horizonte litoral que relance os usos produtivos do porto, e que procure a riqueza no mar, non no ladrillo. Impulsar este novo horizonte require dun amplo debate político e que conte coa participación da veciñanza”. Desde o BNG, Avia Veira recorda o compromiso: “Entendemos que a xente ten dereito a opinar e votar sobre asuntos como este. A consulta popular debe facerse canto antes e adiantarse aos pasos que poida dar a Autoridade Portuaria”.

Enrique Losada sinala a pelota no tellado do goberno. “As respostas dependen de como se formulen as preguntas, pero o importante é que os responsables institucionais deben tomar decisións, decisións coherente e sobre todo responsables”, di o presidente da Autoridade Portuaria. E remata: “O alcalde tamén puido ter consultado aos cidadáns se consideran lóxica a suba do 116% no IBI ás empresas que operan no porto. Se o tivera feito, moi probablemente non aplicara esa suba tan inxusta”.

 

As fotografías da conferencia de imprensa e da asemblea da Comisión son da autoría de E.D.