Ricardo Vales

“Unha cidade que permite que lle esquilmen o seu patrimonio público é unha cidade enferma”

Ricardo Vales, sentado, segundo pola dereita.

Este domingo, 7 de maio, unha manifestación  reivindicará na Coruña a devolución gratuíta dos terreos do Porto. Está convocada pola Comisión aberta en defensa do común e secundada por setenta entidades e colectivos. Falamos con Ricardo Vales Agra, un dos voceiros da comisión.

- Como notades na Comisión o ambiente na cidade ás portas da manifestación do domingo? Esperades que haxa unha afluencia importante?

- É unha incógnita. O termómetro que podía servirnos para medir todo isto, que son as recollidas de sinaturas tanto nos centros de traballo como nos barrios, indícanos que hai unha receptividade a este tema. Á xente moléstalle ter que pagar para recuperar para a cidade o que era unha praia, a praia do Parrote, que era de todos. O obxectivo desta Comisión desde o seu nacemento era precisamente poñer a disposición da opinión pública todos os datos, informar do que pasaba con eses terreos e por que. Nós cremos que unha cidade que permite ou consinte que lle esquilmen e saboteen o seu patrimonio público é unha cidade enferma. Nós fixemos ese labor pedagóxico coa xente e veremos que resposta hai o domingo. Eu son optimista e creo que a xente vai expresar na rúa o seu rexeitamento a que se privaticen os espazos emblemáticos da cidade

- Levades meses de traballo e con iniciativas e actuacións de todo tipo. Está a callar esa mensaxe da que falaba antes na cidade?

- Eu creo que si. Hai compañeiros que din que precisariamos un mes máis para facer a manifestación (ri) para chegar a máis xente. Hoxe [pola sexta feira, día 5] o Concello publica un bando facendo un chamamento a participar na manifestación. Esa era unha das condicións aprobadas naquel pleno do 6 de marzo. Eu non recordo moitos bandos do concello chamando a que a xente participe en mobilizacións, lembro un na primeira corporación democrática polo tema dos vertidos nucleares na foxa atlántica. Era alcalde Joaquín López Menéndez. E xa que falamos de institucións, hai que lembrar que o Concello de Oleiros aprobou unha declaración exixindo a devolución gratuíta dos terreos.

- A reclamación da devolución gratuíta dos terreos é algo que na Comisión defendestes desde o minuto un e mantedes...

- Entendemos que se ten que dar unha devolución gratuíta, son terreos públicos, que fan parte do común e teñen que ser devoltos á cidadanía da Coruña. A Solana e o Hotel Finisterre ocupan un espazo da fachada marítima que antes era unha praia. Hai que lembrar que cando usurparon aquel areal, os cidadáns non viron nin un céntimo. Por que entón hai que pagar por recuperar para uso público o que é de todos? Por iso defendemos a devolución gratuíta e de aí non nos imos mover. Como van desenvolverse e acabar as negociacións que ten o Concello coa Autoridade Portuaria? Pois non o sei. O concello xa dixo que ía pagar un millón catrocentos mil euros, que era a cantidade taxada para A Solana. Desde a Comisión apostamos en recuperar sen custo algún os terreos para uso e goce da cidadanía.

Ademais, e a respecto de que a cidade ten que sumir un sobrecusto de 300 millóns de euros para pagar a obra da Langosteira, se o Ministerio de Fomento ten 5.000 millóns de euros para resgatar as radiais de Madrid, tamén pode ter 300 millóns para Langosteira".

- A manifestación, e a loita que desenvolvedes desde a vosa constitución, enmarcádela na necesidade de camiñar cara a outro modelo de cidade..

- É necesario outro modelo de cidade. As últimas corporacións, nomeadamente as encabezadas por Francisco Vázquez, foron dun urbanismo irracional e mal feito, e houbo xente que se lucrou moito cunhas operacións especulativas de gran calado. Iso deixou unha herdanza que estamos a pagar agora: aí están sentenzas como a da derrubo do Conde de Fenosa, ou o Ofimático, Durmideiras...