As microalgas, un alimento completo e saudábel

O cultivo de microalgas pode realizarse en diferentes contornas. (Foto: Europa Press)
Unha das microalgas máis coñecidas é a espirulina, que presenta unha cor azul verdosa e contén propiedades positivas para a saúde.

Na constante busca de alternativas alimentarias de cara a un futuro incerto debido á crise climática que a poboación mundial está a experimentar, a comunidade científica observa nas microalgas unha posíbel solución ante unha posíbel escaseza de alimentos.

As microalgas son unhas especies vexetais que poden atoparse tanto na auga do mar como na auga doce. Nos últimos anos, diversos estudos desvelaron as súas extraordinarias propiedades.

En xeral, as microalgas son un alimento moi completo pois, ademais de acumular até 70% de proteínas, son tamén unha fonte de ácidos graxos omega-3.

Ademais, tamén presentan vitaminas B12, K ou D, propiedades que resultan positivas para diminución do risco de cancro ou de enfermidades cardiovasculares. Unha das microalgas máis coñecidas e que pouco a pouco se está a introducir na cociña galega é a espirulina, de cor azulada e cunha gran cantidade de micronutrientes.

Cultivo de microalgas

Por todo isto, a comunidade científica europea está a traballar no cultivo de microalgas para aumentar a súa produción, xa que é posíbel o seu desenvolvemento en contornas moi diferentes. Así, pódense atopar centros de produción e cultivo de microalgas tanto en climas fríos, como o de Islandia, como noutros desérticos.

É por isto polo que as persoas especializadas nesta especie levan desenvolvendo estudos ao respecto desde 1950.