Opinión

Cociñar con algas e riqueza material

Vexo moitos motivos para utilizar o libro de Eva Crespo Vázquez, Cociñar con algas (Galaxia) : por unha parte –e isto entra no terreo persoal–, a cantidade de veces que gocei da cociña da autora cas de Jacomina Kistemaker, no pequeno paraíso de son e liberdade da Punta de Couso (Cangas); por outra, o apetecibles que me parecen as receitas que nos ofrece, e podería seguir co meu vexetarianismo, coa harmonía a través da alimentación e coa propia enerxía fermosísima de Eva, que aparece nestas páxinas nunha espléndida potencia.

Supoño que as inercias gastronómicas levan a pensar, ás veces, que unha alimentación sen carne resulta bastante limitada, pero non o propón este libro, nin nada parecido. A cuestión está na apertura a outros alimentos aínda pouco utilizados na nosa vida cotiá, na inmensa variedade de opcións que nos fornecen as algas, e despois xa decidiremos o que nos dea a gana.

"A cuestión está na apertura a outros alimentos aínda pouco utilizados na nosa vida cotiá, na inmensa variedade de opcións que nos fornecen as algas"

Clemente Fernández Sáa refírese no prólogo á riqueza das nosas costas, cunha calidade e unha variedade extraordinarias, e fala tamén dos nutrientes que fornecen, do baixo nivel de calorías ou de graxas, das súas propiedades, que poden beneficiar o metabolismo, a regulación dos niveis de colesterol, a tensión, o sistema nervioso e o inmunitario, etc. Eva ponlles o sabor a través de técnicas de preparación, de combinacións, de equilibrios de sabores e de propostas que poden abranguer unha comida completa, desde os aperitivos ata a sobremesa, pasándomos por cremas, ensaladas e pratos principais realmente deliciosos.

Amais disto, este libro lévame a reflexionar verbo dunha cuestión concreta: o nivel de vida, a riqueza material, véxoa reflectida na capacidade de nos adaptarmos a modelos que damos arbitrariamente por superiores. Seguimos as pautas que nos chegan, valoramos as nosas posibilidades en función do que podemos adquirir baixo marcas de teórico prestixio e comemos como fan os que cremos que saben, á parte de nos medicarmos cos seus fármacos e utilizarmos a súa tecnoloxía para obras que quizabes carezan de interese real nun país coma o noso.

Co mercado lácteo saturado, e coas algas á súa sorte nos nosos 1.400 km de costa –Algamar e Portomuíños á parte, e non sei se deixo algunha outra–, cismamos por nos sumarmos a espazos imposibles de ampliar, no canto de construírmos a nosa proposta propia, como referente de benestar. Supoño que actúan os mitos, as asociacións inconscientes que poidamos facer coa elevación social e cos alimentos que comunmente aparecen canda ela, pero a posibilidade de abrirmos a consciencia e revisarmos esas ancoraxes arbitrarias está en nós, como vía para un cambio que nos libere de verdade desas colonizacións asentadas soamente na nosa imaxinación e na nosa credulidade.

"Os indios hopi coidan que se as persoas nos parásemos a considerar que os alimentos que inxerimos crean o noso sangue, teriamos moito máis coidado con eles e escolleriamos moito mellor o que vai chegar a cada célula que nos forma".

Os indios hopi coidan que se as persoas nos parásemos a considerar que os alimentos que inxerimos crean o noso sangue, teriamos moito máis coidado con eles e escolleriamos moito mellor o que vai chegar a cada célula que nos forma. Tamén hai quen cre –eu incluído– que a alimentación moldea o carácter, as relacións cos máis, a nosa capacidade de superación e unha parte moi grande da nosa calidade de vida. Unha alimentación consciente permite abrir a consciencia, amais de descubrir as verdadeiras apetencias, as que actúan libres de dependencias, de dogmas e de ancoraxes en pasados nos que vimos figuras de poder á canda de formas socialmente vencelladas a prácticas sistemáticas de intoxicación a través dos alimentos, ás que cremos estar atados, cando, na realidade, o noso inconsciente as entende como signos dunha maduración que non se dá. Supoño que se cito simplemente alcohol, azucre ou excesos, todo o mundo me entende.

Non creo que Eva escribise Cociñar con algas para cambiar o mundo, pero si que este libro pode resultar dunha enorme utilidade para quen lle apeteza descubrir outras posibilidades, e tamén a súa propia creatividade na forma de manexar os elementos que lle forneza a vida, en calquera orde. Creo que pode servirnos para abrir un pouco máis a luz cara a unha realidade manexada por nós, polo que sabemos, polo que de verdade podemos acadar como persoas.

Comentarios