Non é o principal foco de afección da pandemia, máis a rede educativa da Galiza si está a padecer de forma moi directa os efectos do virus. Esta quinta feira transcendeu que o centro Apóstol Santiago de Vigo detectou case unha vintena de positivos na súa comunidade escolar, o que supón a maior cifra desde que deu comezo o curso.
Coa área sanitaria de Vigo especialmente afectada no día de hoxe polo incremento da incidencia do coronavirus, foron as autoridades as que explicaron que o colexio privado sumou distintas persoas infectadas nos últimos días até chegar ás 19.
Para evitar a expansión do surto, na infraestrutura fecharon polo menos nove unidades de terceiro e cuarto de Primaria, se ben o Sergas optou por non clausurar o edificio, cando menos polo momento.
Iso si, foi preciso pór en situación de illamento a uns 200 estudantes como medida de prevención.
Na demarcación olívica xa hai polo menos 360 contaxios detectados en infraestruturas, o que implicou o fechamento de 20 aulas.
En toda a Galiza, até o de agora, hai contabilizados 1.256 casos en escolas, institutos e gardarías, quer privadas, quer de titularidade pública. A Coruña, Compostela e Ferrol seguen dando cifras preocupantes.
En Lugo está o único centro que recorreu a paralización da actividade. Trátase da escola infantil Golfiños, que tivo cinco contaxios.