Un mes de espera para unha consulta en Primaria

Os cadros de persoal están reducidos á metade en boa parte dos centros de saúde da Galiza. (Foto: Europa Press)
A nova onda da pandemia chega no peor momento. A redución dos cadros de persoal e dos medios materiais como consecuencia das decisións do Goberno galego limitan a capacidade de resposta dun sistema sanitario estruturalmente debilitado. A presión concéntrase nesta ocasión nos centros de Atención Primaria.

“A Atención Primaria non está en condicións para enfrontar unha quinta vaga da pandemia”, sinala a Nós Diario Manuel Martín, portavoz de SOS Sanidade e médico no centro de saúde de Seixo, en Marín. Lembra que “as condicións non son óptimas porque os centros de saúde están fechados e as decisións políticas e estratéxicas da Administración están a provocar todo tipo de recortes”. Neste sentido, destaca que “estamos diante de listas de agarda dun mes en Atención Primaria para unha consulta presencial e hai demoras de 10 días para unha cita telefónica”

Martín denuncia que “naquelas localidades con máis presión turística, onde a poboación aumenta de xeito considerábel, non só non se reforza a atención, senón que se reducen os cadros de persoal”. Asemade, destaca que “nestes momentos a xente ten dificultades moi serias para contactar cos centros e danse atrasos importantes para que a médica devolva a chamada”.

“A falla de persoal é escandalosa. O Plan de mellora para a Atención Primaria estabeleceu en 2007 a necesidade de 350 médicos máis, pero desde aquela fóronse producindo moitas vacantes que quedaron sen cubrir polas limitacións á contratación impostas pola taxa de reposición. Máis do 50% das médicas e médicos de Atención Primaria teñen máis de 1.400 tarxetas de usuarias e usuarias”, sinala Manuel Martín, quen critica que “é unha ratio moi elevada que supera todas as recomendacións da Organización Mundial da Saúde”.

O escaso investimento do Goberno galego en sanidade, que destina á Atención Primaria 182,3 euros por habitante, explica esta situación. Segundo os datos fornecidos polo Ministerio de Sanidade, só inviste menos que a Galiza Madrid, con 147,97 euros, e as Illes Balears, con 178,38 euros. Así, o gasto neste servizo da Xunta é 79,4 euros por habitante inferior ao de Estremadura; 73,3 euros por habitante inferior ao de Castela-A Mancha e 61,6 euros por habitante inferior ao de Nafarroa. Ao tempo, outros territorios cunha poboación menos avellentada están por diante, chegando no caso de Andalucía a 220,74 euros por habitante ou no País Valenciá a 196,46 euros por habitante.

A secretaria da federación da saúde da CIG, María Xosé Abuín, partilla algúns destes argumentos. “Aos problemas habituais de todos os veráns na Atención Primaria, como a falla de persoal, o fechamento das axendas ou as listas de agarda, súmase este ano o coronavirus. A vaga actual da pandemia aténdese fundamentalmente en Primaria, onde está aumentando a presión asistencial e a ausencia de medios é evidente. Todos coñecemos casos de persoas que botan todo un mes dobrando quendas e con só dous ou tres días libres”, destaca Abuín.

A presión, na Primaria

A presidenta da Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria, Genma Rodríguez, salienta que a presión se está a centrar en Atención Primaria.

“Se nas pasadas vagas da pandemia o problema estivo nos hospitais, agora, por sorte, moita xente non precisa de ser internada, pero si de asistencia sanitaria e esta préstase desde os centros de saúde. Así, por exemplo, boa parte do traballo de rastrexo recae sobre os profesionais de Primaria, fundamentalmente das enfermeiras”, sinala Rodríguez. 

“A metade dos postos de persoal de enfermaría nos meses de verán están sen cubrir nos centros de saúde”, afirma Rodríguez, quen critica que a Consellaría se preocupa esencialmente de “reforzar os hospitais, cubrindo as baixas provocadas polas vacacións de moitos facultativos, pero non atende as necesidades que xorden en Atención Primaria”. 

Rodríguez denuncia que “a Atención Primaria é considerada como secundaria e as enfermeiras especialistas en familia son derivadas a outros servizos, polo que o modelo non é eficiente ao non aproveitar os recursos”.