Mercedes Camiña, profesora da USC: "Tratar mal os animais pode implicar delitos de cárcere"

A investigadora da Facultade de Veterinaria, Mercedes Camiña (Foto: Nós Diario).
A profesora de Veterinaria Mercedes Camiña García (Caldas de Reis, 1972) imparte aulas sobre benestar animal na Universidade de Santiago de Compostela (USC). Nela dirixirá un curso de verán, do 4 ao 7 de setembro, sobre os cambios lexislativos e o traballo das Administracións neste eido. 

—Que novidades traerá o curso que dirixirá en setembro na Universidade de Santiago de Compostela titulado ‘Protección e maltrato animal. Unha perspectiva actual das normas e actuacións desde o ámbito legal e veterinario’?
Unha moi importante será a publicación este ano dun libro que clarificará a nivel legal a situación actual en relación ao benestar animal. Será un documento de partida para contar con información avalada por xuíces e fiscais.

—Que opinión lle merece a nova Lei estatal de Benestar Animal?
É moi mellorábel. Esta lei non tivo moi en conta as e os profesionais veterinarios. 

—O verán é unha das estacións do ano en que se dan situacións que poden ser complicadas para os animais. As Administracións públicas teñen abondo capacidade para xestionas?
Nos meses previos ás vacacións aumenta o abandono de animais, sobre todo os denominados como “de compañía”. A xestión é difícil. Por exemplo, na constatación do maltrato dun animal nunha vivenda hai que contar cun permiso para poder acceder a ela. 

Hai que pedir responsabilidade ás persoas, como no caso das que agasallan cans que logo non poden coidar. Se unha persoa ten animais en mal estado por cuestións económicas ou doutro tipo temos dous problemas: o da persoa e o dos animais. Iso sen contar con que nun caso dese tipo entraría en xogo un terceiro que sería o destino dos animais para que estean coidados en condicións.

—E que acontece no caso dos animais que teñen no rural galego as explotacións gandeiras?
Todo é mellorábel e os protocolos tamén. As Administracións deben facer que se cumpran as normas, mais están sobre o papel e non chegan a todos. Moitas veces, nas inspeccións que se realizan tense en conta máis a situación persoal da xente, como a que vive soa e con problemas.

Despois hai que ter en conta algo que non é menor: as diferentes competencias que teñen as Administracións. Por exemplo, se falamos de cabalos sen identificar sería unha cuestión municipal mais se son animais de compañía entraría a Consellaría de Medio Ambiente.

Cada vez hai máis exixencia. O básico é que a persoa que teña una animal, sexa de compañía ou de produción, ten que telo ben e se non é o caso non debería telo. 

—Sería necesaria unha maior concienciación e adiantarse ás denuncias e ao propio problema?
Son partidaria de concienciar. É necesario facer campañas para informar. No caso das denuncias, pola Lei de Procedemento Administrativo, hai que ter en conta que teñen que ir asinadas. Iso supón que se denuncias un veciño vai saber que ti o denunciaches e é lóxico que non queiras problemas. Por iso non hai moitas denuncias. As sancións son bastante puníbeis e con multas grandes e entran en xogo campos diferentes, non só o maltrato.

Por exemplo, ter animais sen identificar, que suman sancións por cada exemplar que se teña, pode ser multado con cifras de até varios miles de euros. Hai xente que non o sabe, mais  tratar mal os animais pode levar a delitos de cárcere.