"Menos persoal para máis pacientes": o BNG critica o novo modelo dos PAC
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, denuncia que os cambios previstos polo Goberno galego nos PAC supoñen “unha nova volta de torca” no deterioro da atención primaria, ao reducir puntos de atención e incrementar a presión sobre un persoal sanitario xa saturado. A líder nacionalista advirte de que a medida obrigará a milleiros de persoas a desprazarse máis e agardar máis tempo para seren atendidas.
A portavoz nacional, Ana Pontón, denunciou que os cambios anunciados polo Goberno do PP nos Puntos de Atención Continuada (PAC) supoñen “unha nova volta de torca no deterioro da atención primaria” que vai prexudicar tanto ás e aos doentes como a un persoal sanitario que xa está ao límite, porque na práctica, sintetizou, “o que propón o Partido Popular é menos persoal sanitario atendendo a máis poboación”.
Pontón analizou en Santiago con representantes do persoal da atención continuada e de CIG-Saúde as consecuencias deste “novo decretazo” co que o Executivo de Rueda introduce “novos recortes mesmo antes de que sexa aprobado”, recalcou, logo dun encontro no que tamén participaron as deputadas da área de Sanidade, Montserrat Prado e Iria Carreira.
A líder nacionalista incidiu que os cambios no funcionamento dos PAC van a supoñer, en primeiro lugar, o feche dos centros de saúde que até agora prestaban a súa atención os sábados entre as 08 e as 15 h. “É dicir, milleiros de persoas que podían ser atendidas no seu centro de saúde, máis próximo das súas casas, agora van ter que desprazarse quilómetros para poder ser atendidas, en moitos casos, desprazarse en coche”, afondou, para sinalar a continuación que moitas persoas maiores que non teñen vehículo propio van a ter que costearse cun taxi este desprazamento. Neste sentido, remarcou que “Rueda xa empezou a fechar estes centros de saúde os sábados”, aínda que ese decreto non se aprobou, o que demostra como “o Partido Popular é moi eficiente á hora de empeorar a sanidade pública”.
En segundo lugar, tamén explicou que os cambios nos PAC obrigan a facer xornadas máis amplas ao persoal sanitario, en particular aos médicos e médicas, que van a ter que atender a moitas máis persoas usuarias que antes acudían ao seu centro de saúde e que agora van ter que ir ao Punto de Atención Continuada de referencia para poder ser atendidas en horario de sábado pola mañá.
As áreas máis afectadas, indicou, son as de Santiago e Pontevedra, con aproximadamente 20 centros de saúde, algúns que xa comezaron a pechar mesmo antes de ser aprobado o decreto. Así, centros de saúde como os do Pino, Vedra-Boqueixón, Concepción Arenal, Bembibre, Cacheiras-Teo e Sigüeiro pasarán a concentrar toda a súa atención os sábados pola mañá no PAC de Santiago.
Algo similar, detallou, pasará na área sanitaria de Pontevedra, na que a veciñanza que até agora era atendida nos centros de saúde de Poio, Barro, Campo Lameiro, Arcade, Vilabora, A Lama-Pontecaldelas e Cerdedo Cotobade pasarán todos a concentrarse nun único PAC de referencia. “É moi fácil ver as consecuencias que ten para os doentes, terán que desprazarse quilómetros para ser atendidos e, ademais, van a ter que esperar máis tempo para ter esa atención porque se concentras toda esa poboación nun único PAC, a diferenza na calidade asistencial tamén vaise notar”, resumiu.
Por todo isto, considerou a medida “un paso máis” do PP na súa “estratexia de acoso e derribo á atención primaria” e no seu empeño “en deteriorar o corazón da sanidade pública”, o que evidenciou recordando o recorte na primaria de 1.600 millóns de euros dos populares en 17 anos de goberno. Neste contexto, defendeu as propostas do BNG para facer “xusto o contrario”, que é blindar a sanidade pública, empezando por dotar a atención primaria dos recursos necesarios para poder prestar unha atención de calidade e para que as e os profesionais non teñan que traballar en precario.
“Porque unha das consecuencias que vai ter este decretazo dos PAC que está preparando o Partido Popular é máis precariedade para os traballadores e traballadoras da sanidade pública e é moi difícil reverter esta situación se realmente non se aposta por condicións dignas para os profesionais da sanidade pública”, reflexionou logo de advertir ao PP cando se queixa da falta de profesionais que se continúa empeorando as condicións de traballo, cada vez serán menos as persoas con disposición para traballar no sistema sanitario galego.
Pontón avogou así por aumentar o financiamento da atención primaria até o 25% de todo o orzamento do Sergas, tal e como recomenda a OMS, e lamentou que Galiza sexa hoxe a segunda comunidade de todo o Estado que menos inviste por habitante en primaria.


