Menos combativa pero firme: Moaña seguirá "vixiante" en defensa da Atención Primaria

Concentración da veciñanza de Moaña na Casa do Mar para reclamar unha sanidade digna. (Foto: Nós Diario).
Após 38 semanas consecutivas de mobilizacións, a plataforma local en defensa da sanidade pública, Concello e usuarias rebaixan o espírito combativo das protestas á espera dos compromisos adquiridos tanto pola Consellaría de Sanidade como pola Xerencia da área sanitaria de Vigo.
Como vén sendo habitual cada domingo desde hai máis de nove meses, a veciñanza de Moaña volveuse concentrar hoxe na vila, fronte a Casa do Mar, para reclamar un servizo de urxencias propio, como tiña antes da pandemia, ademais da cobertura de todas as prazas de persoal médico que están sen atender na Atención Primaria.

"Urxencias xa!"

A raíz da Covid, da mudanza de todos os protocolos sanitarios e das condicións de acceso aos distintos centros asistencias, o Goberno galego fechou as urxencias de Moaña e centralizou o servizo en Cangas.

"Naquel momento entendémolo", afirmou no seu discurso semanar a rexedora Leticia Santos. Mais superados dous anos "isto non pode seguir así. Querémolas de volta".

Desde abril de 2020 os veciños e veciñas do municipio teñen que desprazarse até o PAC de Cangas en caso de urxencia médica calquera día a partir das tres da tarde mais as 24 horas de sábados e domingos.

Necesitamos o PAC aberto en Moaña calquera día as 24 horas, necesitamos as urxencias porque ir a Cangas non é fácil nin é cómodo

"Levamos moito tempo pelexando para que isto non siga así". E por fin chegaron os primeiros compromisos por parte da Xerencia da área sanitaria de Vigo. "Agora o que esperamos son avances nos trámites para que nos devolvan as urxencias", afirmou Santos.

A alcaldesa aproveito a ocasión para demandar transparencia no proceso, e información suficiente para dala a coñecer entre a veciñanza. "Necesitamos o PAC aberto en Moaña calquera día as 24 horas, necesitamos as urxencias -recalcou- porque ir a Cangas non é fácil nin é cómodo".

"Coa nosa saúde non se xoga!"

Por outra parte, Leticia Santos lembrou durante a concentración deste domingo que tamén alcanzaron un compromiso por parte do Sergas para cubrir as vacantes médicas que desde 2021 afectan á quenda de tarde.

De catro facultativos só hai tres. "Avanzaron que ían cubrir esa cuarta que falta e ampliar o cadro a cinco médicos e médicas cunha praza de nova creación. Se iso se consegue será un éxito da veciñanza que domingo tras domingo se reuniu diante da Casa do Mar e servirá para consolidar a Atención primaria na quenda de tarde", que hai poucos meses parecía correr o risco de desaparecer.

A alcaldesa recoñeceu e agradeceu a unidade e solidariedade da localidade, que reclama un reforzo do servizo de ambulancias "polo menos mentres o PAC continúe en Cangas", xa que o equipo médico está máis lonxe e "iso dilata os tempos de atención".

Esa ambulancia extra "non está comprometida, pero non por iso imos deixar de reclamala. É unha necesidade que teñen que atender".