Melide súmase a Ordes e Monforte no nivel máximo de restricións

Campaña de vacinación fronte á Covid-19 no Ifevi. (Foto: Europa Press)
A Consellaría de Sanidade vén de comunicar esta decisión que acordou co comité clínico na reunión da terza feira. As novas limitacións entrarán en vigor na medianoite do sábado día 4 de setembro.

A Xunta e as e os expertos do Comité Clínico que asesora sobre a evolución epidemiolóxica da pandemia veñen de acordar que Melide se incorpore ao chanzo de restricións máximas, no que continuarán os municipios de Ordes e Monforte de Lemos. 

Malia a baixada dos contaxios a nivel global, Sanidade sostén que Monforte e Ordes teñen datos como para manterse no nivel máis elevado de prohibicións, ao que a partir da medianoite do sábado 4 de setembro se incorporará o concello de Melide.

As limitacións do nivel máximo implican agora un máximo de seis persoas en reunións en interiores e dez no exterior. Ademais, non poderán quedar persoas que non convivan entre a 1 e as 6 horas da madrugada.

No que respecta á hostalaría, quedarán clausurados os locais no seu interior pero poderán dispoñer das terrazas á metade da capacidade normal.

Por outra parte, o Sergas informou de que no nivel alto ficarán Agolada, Arzúa, Lalín, O Pino, Trazo, Curtis, Cee, Cerceda, Muxía, Antas de Ulla, Monterroso, Palas de Rei, Vilalba, A Pastoriza, Castro de Rei, Meira, O Saviñao, A Pobra de Trives, Viana do Bolo, Ares e A Cañiza.

Ademais, as medidas do nivel medio-alto terán validez nos concellos da Coruña, Arteixo, Cabana de Bergantiños, Carballo, Corcubión, Malpica de Bergantiños, Oleiros, Oza-Cesuras, Ponteceso, Zas, Aranga, Betanzos, Camariñas, Fisterra, Santa Comba, Silleda, Boimorto, Frades, Muros, Noia, Santiso, Tordoia, Ferrol, Chantada, Lugo, Outeiro de Rei, Baralla, Cospeito, Taboada, A Rúa, Ourense, O Barco, Verín, Bueu, Poio, Sanxenxo, Gondomar, Pazos de Borbén, Ponteareas, Redondela e Nigrán.

O resto dos concellos permanecerán no nivel medio-baixo.