Galiza non chega aos 300 novos positivos e segue a rebaixar a incidencia da Covid

Proba de antíxenos. (Foto: Javier Pulpo / Europa Press).
O alivio da presión hospitalaria tamén contribúe á mellora da evolución epidemiolóxica. O número de pacientes ingresados con Covid baixa até os 224,. Porén, as unidades de coidados intensivos manteñen 55 doentes.

Os datos de evolución da pandemia divulgados esta terza feira pola Consellaría de Sanidade reflicten que, por primeira vez desde primeiros de xullo, os novos contaxios diarios rexistrados caen por baixo dos 300.

Tamén diminúen os pacientes con Covid ingresados nos hospitais da Galiza. Hai unha trintena de camas menos ocupadas a respecto do día anterior. Unha mingua que se suma á de casos activos en todo o territorio, que roza os 8.000.

Así, nas últimas 24 horas rexistráronse 269 novos contaxios por Covid, 133 menos que hai unha semana. Os novos positivos descenden en todas as áreas sanitarias, excepto en Ferrol e Santiago, onde non hai cambios, e en Vigo, onde soben lixeiramente.

Segundo notificou o Sergas, na última xornada detectáronse 72 contaxios novos na área sanitaria da Coruña, 51 na área de Lugo, 47 na área de Santiago, 43 na área de Vigo, 29 na área de Ourense, 18 na área de Ferrol e nove na área de Pontevedra.

O número de casos activos é de 8.022, 253 casos menos que hai un día.

Presión hospitalaria

Con respecto á presión hospitalaria, nas últimas horas non se rexistraron cambios significativos no que respecta a as unidades de coidados intensivos, onde están permanecen ingresadas 55 persoas con  Covid, unha máis que o día anterior. Pola contra, os pacientes en unidades convencionais de hospitalización baixan de 201 a 169.

Con respecto ao mesmo día da semana anterior, hai 76 doentes menos hospitalizados o que rebaixa a a presión hospitalaria en niveis de finais do mes de xullo.

Todas estas cifras acompañan unha nova caída da incidencia acumulada na Galiza, das áreas sanitarias e das cidades, salvo na de Lugo, onde malia amosar indicios de descenso no conxunto dos tres distritos sanitarios -Lugo, A Mariña, Monforte de Lemos-, aínda mantén unha elevada transmisión dentro da cidade.

Falecementos

Desde o inicio da pandemia faleceron 2.566 persoas, tras notificar sanidade a morte de dous homes de 89 e 92 anos que morreron, respectivamente, no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense e no Hospital Lucus  Augusti.