O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza volveu a avalar os cambios nas restricións expostos pola Xunta para facer fronte á pandemia da Covid-19, o que suporá o pase ao nivel máximo desde este sábado dos municipios de Ordes e Monforte de Lemos.
A Sala de Vacacións do alto tribunal galego deu a súa autorización ás medidas ditadas pola Administración que carrexan limitacións nos dereitos fundamentais para a poboación dun total de 13 municipios galegos.
Cambios de nivel e límites
Ordes e Monforte de Lemos entrarán na franxa máis elevada de restricións, mentres que noutros once concellos rexerán as medidas estabelecidas para o nivel alto.
Nos dous primeiros casos quedarán limitadas as reunións a un máximo de seis persoas no interior e dez no exterior. Os encontros entre non conviventes estarán prohibidos entre as 01 e as 06 horas.
Nos locais de hostalaría e restauración ficarán clausurados os espazos interiores e poderanse usar as terrazas á metade da súa capacidade. O lecer nocturno tamén fechará os interiores, mais poderá abrir as terrazas a 75% até as 01 horas.
Ademais, o auto do TSXG dá luz verde ao salto de nivel dos concellos do Saviñao, Pantón, Sober, Cerdedo-Cotobade, Carral, Cerceda, Melide, A Pastoriza, Castro de Rei, Meira e Viana do Bolo, no alto desde esta medianoite.
Nestes municipios rexerán as mesmas restricións para as reunións socias, pero permítese que a hostalería acolla clientes nos interiores a 30% da súa cabida. A porcentaxe de capacidade nas terrazas tamén é máis elevada: 75%. Para o lecer nocturno, nivel máximo e alto comparten normas.
Hostaleiros de Lugo
Doutra banda, a Sala de Vacacións do TSXG emitiu outro auto polo que rexeita o recurso presentado pola Asociación de Empresarios Lugo Monumental sobre a obrigatoriedade de presentar o pasaporte Covid nos negocios de hostalaría e as limitacións de capacidade para estes estabelecementos.
Os maxistrados entenden que o rexeitamento definitivo do certificado Covid ditado pola mesma Sala de Vacacións resolve a cuestión e anula o seu uso.
Ademias, o tribunal descarta aplicar unha medida cautelar sobre as restricións ditadas desde a Xunta porque "non se acreditou" por parte da asociación "a concorrencia de prexuízos de imposíbel ou difícil reparación coa achega dun principio de proba".