As denuncias por violencia machista aumentan en 14,4% e oito de cada dez sentenzas son condenatorias

O 25 de novembro mobilizou miles de persoas na Galiza contra a violencia de xénero e a violencia sexual. (Foto: Arxina)
A taxa de violencia de xénero medra na Galiza mais segue a ser a terceira máis baixa do Estado.

Os casos de violencia machista elevados a instancias xudiciais aumentaron na Galiza no último ano. Segundo os datos que vén de facer públicos o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza, no terceiro trimestre do presente ano os xulgados recibiron 1.854 denuncias, o que representa unha repunta de 14,4% en comparanza coas 1.620 do mesmo período de 2021.

A gran maioría destas denuncias (1.440) chegaron a través de atestados policiais con denuncia previa da vítima. E, de feito, tamén se incrementou o número de mulleres recoñecidas como vítimas neste tempo, tamén 1.854, fronte ás 1.597 dun ano antes (+16,1%).

Estes rexistros deixan o país como o terceiro territorio do Estado español coa taxa de violencia de xénero máis baixa, con 13,3 mulleres vítimas por cada 10.000 mulleres na Galiza, só por diante de Asturias (12,5) e Castela e León (13). A taxa media a nivel estatal foi de 19,8 no terceiro trimestre do ano.

Porén, a taxa de violencia de xénero galega aumentou neste período en comparanza co ano precedente, cando fora case dous puntos inferior (11,4 vítimas por cada 10.000 mulleres). Do total, 22 vítimas eran menores de idade, por volta de 16 no terceiro trimestre de 2021 (+37,5%).

Entre xullo e setembro adoptáronse 304 ordes e medidas de protección da vítima, o que representa 61,8% das solicitadas. Foron 2,7% máis que un ano atrás. No terceiro trimestre de 2022 os xulgados de menores axuizaron catro persoas por delitos relacionados con violencia sobre a muller, e todos os casos remataron con imposición de medidas.

Aliás, precisa o TSXG, os distintos órganos xudiciais —xulgados de violencia sobre a muller, xulgados do penal e audiencias provinciais— ditaron no segundo trimestre en procesos de violencia de xénero 471 sentenzas, das cales 371, é dicir, 78,7 %, foron condenatorias.