Día contra a violencia machista

Sandra Piñeiro Vilas, xuíza: "A violencia é un fenómeno netamente masculino"

Sandra Piñeiro Vilas, xuíza titular do xulgado de Instrución número 2 de Lugo. (Foto: TSXG).
Sandra Piñeiro Vilas é a titular do xulgado de Instrución número 2 de Lugo. Na súa sala, entre outros, axuíza casos de violencia sobre a muller; mais tamén comparte tempo e información con alumnado de secundaria no marco do programa 'Educar en Xustiza', unha iniciativa que abre á mocidade un diálogo sobre igualdade e xénero libre de 'bulos'.

'Educar en Xustiza' abre as portas do sistema xudicial á mocidade, pero tamén  achega información certa sobre a violencia de xénero. Como funciona? 
É un programa destinado a alumnado de secundaria co obxectivo de que teñan un coñecemento suficiente ou unha primeira aproximación ao funcionamento do sistema de xustiza. Suscítalles moito interese e son moi participativos, tamén en todo o que ten a ver coa violencia de xénero e sexual mais coa responsabilidade penal dos menores. Neste sentido temos relatorios específicos sobre fake news. Animamos a mocidade a que teña un espírito crítico e a que non acepte sen máis informacións que nesta materia son interesadas ou medias verdades, unha manipulación flagrante dos datos.

Participa a mocidade dos discursos de branqueo da violencia machista?
É un asunto que lles interesa e que os sorprende, porque hai determinadas ideas que van calando na sociedade a base de repetilas ou compartilas en redes sociais, sen chegar a saber moi ben cal é a fonte da información. Ás veces é o alumnado quen pregunta directamente e outras veces somos nós quen pomos os datos sobre a mesa para ver se as denuncias son falsas, se hai máis de un millón de homes acusados inxustamente de violencia de xénero ou se a motivación última das mulleres que denuncian é quedar coa casa.

Ábrese un diálogo moi proveitoso, que é do que se trata, de que as xeracións novas teñan acceso a unha información certa, confiábel, que neste caso responde á realidade dos xulgados.

As cifras do Consello Xeral do Poder Xudicial revelan un incremento incesante das denuncias.
Non sabemos cal é a motivación, se hai un incremento da criminalidade deste tipo ou se existe unha maior concienciación, como ocorre cos delitos contra a liberdade sexual, que carrexa que a xente denuncie máis, e non só as vítimas. En moitas ocasións son viandantes, veciños e veciñas, persoas que presencian unha agresión quen poñen en coñecemento a comisión do delito, e soe ser tamén bastante xente nova, o que indica que a coeducación e a educación en igualdade están a dar os seus froitos, malia todo.

Pero cómpre seguir traballando contra a violencia. A escola fai un grande esforzo mais é necesario neutralizar influencias doutros ámbitos. Os estereotipos sexistas seguen presentes e a súa manifestación non está asociada nin á idade nin ao sexo nin á condición social de quen os reproduce. A violencia de xénero é transversal, tócanos a todos e a todas, tamén para que a xente nova desenvolva actitudes de superación dese sexismo e das violencias machistas.

Ten xénero a violencia?
A violencia é un fenómeno netamente masculino. As estatísticas están aí para contrastalo, tanto no apartado de denuncias, como de causas xudiciais, como de persoas penadas. 

E a xustiza, canto ten de patriarcal ou de feminista?
A xustiza, os xuíces e xuízas que somos parte do sistema xudicial, tamén o somos da sociedade, na que aínda non se dá unha igualdade real. Polo tanto, somos permeábeis aos machismos. Temos que ser moi críticas para non caer nos estereotipos sexistas tradicionais e tratar de erradicar un problema social que ademais é unha violación dos dereitos fundamentais e liberdades públicas das mulleres. O esforzo por superar todas as construcións machistas e todas as formas de violencia sobre as mulleres ten que ser maior. Na propia familia, na comunidade e nas institucións. Refírome ás violencias perpetradas ou toleradas polo propio Estado, que até agora non se percibían como tal e que están a ser revisadas.

A Lei do 'só si é si', resposta a unha demanda social

A Lei de garantía integral da liberdade sexual, a lei de 'só si é si', segue a xerar controversia tras a súa entrada en vigor o pasado mes de outubro. "Era unha necesidade dar resposta a unha demanda social". O caso da 'manada', explica Sandra Piñeiro, provocou unha "reacción pública" que puxo o foco no consentimento e na redacción do Código Penal, na diferenza entre abuso e agresión sexual. "En resposta a unha muda na sensibilidade social, o lexislador define agora o que é o consentimento, que se ha manifestar sempre libremente mediante actos que expresen de maneira clara a vontade da persoa".

Un asunto que levan aos encontros coa rapazada de secundaria. "Moitas veces substituímos o pretendido acto sexual por un entrégame o teu teléfono. Se cinco persoas te rodean nun portal e che piden o teléfono, entrégalo? Hai consentimento? Ou dálo porque te sentes intimidado? É aí cando moitos toman conciencia do que é a falta de consentimento".