Os medios públicos galegos pasan con pés de la polo auto da AN sobre as caixas e a sentenza de Pescanova

Plató da CRTVG (arquivo).

‘Defende a Galega’ critica a escasa información dos informativos da canle pública sobre 2 das novas da semana: o auto da Audiencia Nacional sobre a fusión das caixas galegas e a sentenza condenatoria ao presidente de Pescanova.

“O xuíz pide ó Supremo investigar a Pablo Iglesias, abre na CRTVG. A xustiza culpa a Caixa Galicia da creba das caixas tras a fusión que impulsou a Xunta, moi difícil atopala. O mesmo con Pescanova na TVG. Queda con quen te informe como a Galega?”. Esta é a denuncia, acompañada de pregunta que o colectivo  ‘Defende a Galega’, integrado por traballadoras e traballadores dos medios públicos, plasmou nas redes sociais.

‘Defende a Galega’ sinala que o “Telexornal Mediodía agochou 2 das novas máis importantes a terza feira: Sentenza contra a cúpula da antiga Pescanova, 11º titular. A información non apareceu ata o minuto 27”.

A isto engaden que “o auto da Audiencia Nacional sobre a creba das caixas galegas. Non foi en titulares. 24 segundos no minuto 28”.

A isto engaden que o telexornal Mediodía empezou a breve recensión sobre o auto dicindo: “A Audiencia Nacional di que o rescate das caixas foi necesario pola situación financeira de Caixa Galicia”. “Non se mencionou en ningún momento que a fusión foi impulsada e avalada por Alberto Núñez Feixoo”, denuncian desde ‘Defende  A Galega’.

O auto cuestiona a Xunta pola fusión de Caixa Galicia e Caixanova, proceso que Feixoo defendeu e avalou baeándose nunha auditoría de KPMG que a propia auditora recoñeceu despois que non fora tal.

“O Telexornal Serán do martes non dedicou nin un só segundo á nova sobre as caixas... nun informativo que dura máis de unha hora! A noticia sobre Pescanova non apareceu ata o minuto 35”, finaliza Defende a Galega. Este colectivo leva meses denunciando a “manipulación” e “censura” que afirma que existe na CRTVG.

“A televisión e a radio pública da Galiza téñense convertido en dous instrumentos centrais na estratexia do Partido Popular para perpetuarse no poder”, sinalaba Xacobe Ferreiro, “os contidos dos medios públicos galegos son unha expresión do proxecto ideolóxico da dereita”.