Sen medidas sociais fronte ao malestar psicolóxico da Covid

O inicio do desconfinamento consentiu saídas en solitario para pasear e facer deporte (Arxina).
Desde a declaración da pandemia da Covid-19 e o inicio do confinamento, un dos intereses fundamentais da comunidade científica e social centrouse na análise dos aspectos psicolóxicos asociados ás exixencias da nova enfermidade. Os primeiros estudos son preliminares, mais confirman un empeoramento da saúde mental.
 

O primeiro estudo que analizou o impacto psicolóxico da co confinamento por mor da Covid-19 presentouse na China cando a epidemia comezaba a estenderse por Europa. Concluíu que os dous factores que máis afectan o benestar físico e psicolóxico son a perda de hábitos e rutinas mais o estrés psicosocial derivado dunha situación extraordinaria. Por primeira vez, o conxunto da poboación vese sometida a unha corentena que restrinxe a súa mobilidade e achica tanto o seu  contorno de convivencia como a axenda de actividades habitual.

A pandemia axiña se deixou sentir na saúde e no comportamento social, e de maneira decisiva no ámbito laboral e financeiro; catro áreas que a comunidade experta comezou a indagar de seguida.

A Universidade do País Vasco vén de publicar un informe de investigación elaborado en colaboración con outras universidades do Estado que busca ampliar as escasas evidencias sobre o impacto psicolóxico inmediato da Covid-19 enunciadas até o momento. A investigación pon de manifesto os cambios experimentados polas persoas durante o estado de alarma.

Malestar psicolóxico

O informe As consecuencias psicolóxicas da Covid-19 e do confinamento analizou desde a percepción dos espazos de confinamento até os estados de ánimo das persoas. Considerou a actividade laboral, as expectativas de futuro, as rutinas e os hábitos de consumo, as emocións, as relacións e o apoio social, ademais da propia afectación da enfermidade.

O estudo conclúe que o malestar psicolóxico aumentou de maneira xeneralizada. Incrementouse o ansiedade e o medo, sobre todo pola incerteza, a preocupación de contraer a enfermidade e perder seres queridos. A esta constatación, o equipo investigador suma un incremento dos sentimentos pesimistas, de desesperanza ou soidade; maior sentimento de culpa, de irritabilidade e enfado; unha tendencia especialmente acusada entre as mulleres en todos os casos. 

"Estamos ante datos moi preliminares, ao igual que ocorre noutros ámbitos como o da epidemioloxía ou a viroloxía. Moitos deberán ser referendados e ampliados. Mais é outra das consecuencias do coronavirus, que nos permite asistir á ciencia en directo, xa que así é como funciona", sinala Iria Veiga, psiquiatra do Servizo Galego de Saúde no Hospital do Barbanza, quen defende a necesidade de estudos que axuden a corroborar de forma empírica unha conclusión que se comezou a intuír desde o primeiro día do confinamento: o incremento do malestar psicolóxico.

Diferenzas de xénero

Neste sentido, pon o acento nunha das principais conclusións da investigación: as diferenzas de xénero. "Durante a corentena comezamos a obter datos que xa apuntaban que as mulleres ían levar a peor parte. Calquera colectivo en situación de discriminación sofre máis ante un empeoramento das condicións. Neste caso viuse que as condicións sociais son as propias dunha sociedade patriarcal que discrimina as mulleres". Foron elas quen aumentaron a súa carga laboral facéndoa compatíbel coas tarefas domésticas fronte a unha menor implicación dos homes na conciliación, e foron quen máis sufriron as consecuencias sociolaborais derivada dunha precariedade previa.

[Podes ler a reportaxe íntegra no Nós Diario en papel, á venda a partir da quinta feira, día 6, nos quiosques ou na nube]