10 cuestións a ter en conta sobre as medidas para evitar a propagación do coronavirus na Galiza

(Europa Press)

O Goberno galego aprobou unha serie de actuacións e medidas para frear o avance do coronavirus. Boa parte delas xa están activadas desde esta sexta feira e outras a partir da semana que vén. Aliás, diferentes organismos e entidades decidiron tamén activar restricións en euidos como deporte ou cultura coa mesma finalidade.

1) Ensino:

- Suspensión das actividades lectivas e extraescolares en todos os niveis educativos a partir desta segunda feira e durante 14 días. Esta sexta feira, 13, os centros permanecen abertos mais a recomendación que se fai desde a Xunta ás familias é que non se envíe a elas a nenos e nenas. “Se os pais e as nais teñen dificultades para organizarse, os centros van estar abertos a sexta feira, pero a partir a segunda feira, desde o punto de vista de aceptación de alumnos, quedarán pechados”.

- Na Universidade as aulas suspéndense desde esta sexta. Están suspendidas as prácticas que realizan os alumnos dos graos en Ciencias da Saúde ou doutras titulacións e ciclos formativos, en calquera centro sanitario situado na Galiza.

- Suspéndense os servizos común nas residencias universitarias, que permanecen abertas.

- O persoal (docente e non docente)  deberá acudir ao centro educativo.

2) Sanidade:

- Limitar a unha persoa como acompañante do paciente durante a estadía no centro

- As vacinacións faranse a domicilio

- Suspéndense as visitas dos visitadores médicos e farmacéuticos e as actividades de voluntarios,

- Promoverase a e-consulta e a consulta telefónica.

3) Servizos sociais:

- Feche dos centros sociocomunitarios, onde se desenvolven diferentes actividades para persoas maiores

- Nas residencias de maiores limítanse as vistas ás persoas residentes de máis de 70 anos e para aquelas que teñan algún tipo de patoloxía.

- Non se aceptarán visitas de persoas con síntomas respiratorios ou febre e limitarase a presenza de residentes en actividades en espazos pechados.

- Clausúranse nos centros de día as actividades que impliquen a entrada de persoas de fóra

- Suspéndense as actividades dos centros ocupacionais, ludotecas e outros espazos infantís, albergues xuvenís...

4) Deportes

- Suspensión da actividade do programa Xogade

- Suspensión ou celebración a porta pechada de todas as actividades deportivas, incluíndo as municipais, que impliquen asistencia de público.

- A Administración galega pediu ás federacións que toda competición deportiva oficial sexa disputada a porta pechada e incluso, sempre que sexa posíbel, suspendida ou aprazada.

5) Transporte público

- Continua a funcionar mais a Xunta desaconsella a persoas en situación vulnerábel a utilización do transporte público e pide que eviten estacións de autobuses e de ferrocarril.

6) Aforo

- Novas limitacións de aforo: en recintos pechados con capacidade para máis de 50 persoas, limitarase a asistencia a un terzo do aforo.

- Suspensión de todas as actividades colectivas celebradas en espazos pechados que impliquen máis de 1.000 persoas; e, no caso de espazos abertos, limítase o aforo a 500 persoas.

- Ademais, péchanse os museos, as bibliotecas e os arquivos xestionados pola Xunta.

7) Función Pública

- Aprobación dun protocolo de actuación para as e os empregados públicos da Xunta que, entre outros aspectos recolle: pautas e recomendacións, medidas de protección, a posibilidade de adoptar medidas de flexibilidade horaria, a posibilidade de poñer en marcha o tele traballo e a posible reorganización das quendas de traballo.

8) Laboral:

- As persoas que como consecuencia do coronavirus teñan que permanecer illadas nas súas casas contan desde esta quinta feira cun aliado en forma de Decreto-lei. Aprobado polo Consello de Ministras,  o novo texto legal inclúe a consideración excepcional como situación asimilada a accidente de traballo os períodos de illamento ou contaxio das persoas traballadoras como consecuencia da Covid-19.

9) Comercio:

- As e os propietarios de áreas comerciais deberán encargarse de tomar "as medidas necesarias" para "evitar multitudes". Así se recolle no acordo publicado nunha edición 'bis' do Diario Oficial de Galiza (DOG), que determina a suspensión da actividade de dinamización comercial en espazos pechados.

- Nas áreas comerciais "reforzaranse as medidas de información, as medidas de hixiene, así como as medidas e intervalos de limpeza nas instalacións". Así mesmo, sinálase que a persoa titular "adoptará as medidas necesarias para evitar multitudes" e "cumprirá co réxime de distancia recomendado polas autoridades sanitarias".

10) Recomendacións da Consellaría de Sanidade á poboación

- Os síntomas máis comúns da enfermidade polo coronavirus son febre, tose, dificultade respiratoria ou dispnea.

- A Xunta recomenda ás persoas que consideren que teñen estes síntomas que permanezan no seu domicilio, sen acudir ao seu lugar de traballo nin aos centros sanitarios, sempre que a súa situación clínica o permita. Poden chamar aos números 061 ou 900400116.