En vigor a norma que recolle o illamento como baixa laboral

O illamento queda asimilado a accidentes de traballo exclusivamente para a prestación económica de incapacidade temporal da Seguridade Social.
A ministra de Traballo, Iolanda Diaz (Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera A ministra de Traballo, Iolanda Diaz (Eduardo Parra / Europa Press).

As persoas que como consecuencia do coronavirus teñan que permanecer illadas nas súas casas contan desde onte cun aliado en forma de Decreto-lei. Aprobado polo Consello de Ministras o pasado martes,  o novo texto legal inclúe a consideración excepcional como situación asimilada a accidente de traballo os períodos de illamento ou contaxio das persoas traballadoras como consecuencia da COVID-19.

En ambos casos a duración desta prestación excepcional virá determinada polo parte de baixa por illamento e a correspondente alta. Ademais, fíxase que poderá causar dereito a esta prestación a persoa traballadora por conta propia ou allea que se atope na data do feito causante en situación de alta en calquera dos réximes da Seguridade Social.  

"A data do feito causante será a data na que se acorde o illamento ou enfermidade do traballador, sen prexuízo de que o parte de baixa se expida con posterioridade a esa data", sinala a norma.

Cambio de criterio

Desta forma, o Gobierno español cambia o criterio en vigor respecto ao illamento, xa que fai menos de dúas semanas a Seguridade Social aclarou  nunha nota que as traballadoras en illamento preventivo polo virus considerábanse en situación de incapacidade temporal (baixa laboral) por enfermidade común, se cumprían os demais requirimentos e conforme a réxime da Seguridade Social.

En concreto, o artigo quinto do Decreto-Lei ao que corresponden estas modificacións e en vigor desde esta quinta feira, estabelece que, co gallo de protexer a saúde pública, consideraranse, con carácter excepcional, situación asimilada a accidente de traballo, exclusivamente para a prestación económica de incapacidade temporal do sistema de Seguridade Social, aqueles períodos de illamento o contaxio das persoas traballadoras provocado por el virus Covid-19.

Comentarios