A Xunta suspende as aulas na Galiza en todos os niveis educativos

Alumnado á porta dun centro de Compostela (Arxina)

A partir da vindeira segunda feira, día 16, e durante 14 días.

A Xunta suspende as aulas na Galiza a partir do 16 de marzo, vindeira segunda feira en todos os niveis educativos. "Mañá (pola sexta feira) os centros estarán abertos mais recomendamos que non se vaia", dixo o presidente da Xunta esta quinta feira na súa comparecencia após o Consello. Deixa así a decisión en mans de nais e pais. A suspensión será durante 14 días. Esta é unha das novas medidas adoptadas polo Goberno galego para facer fronte ao coronavirus. Tamén se decidiu que fechen bibliotecas, museos e arquivos. A partir desta sexta feira, ademais, "pechamos os centros sociocomuntarios". 

"En espazos pechados para máis de 50 persoas limítase o aforo a un terzo. Nun aforo de 900 só poderían entrar 300. Nun espacio aberto, só poderían entrar 500 persoas", indicou Feixoo.

O presidente dixo que hai 63 casos rexistrados na Galiza de coronavirus, 35 confirmados e 28 pendentes de confirmar, segundo informou o propio presidente na comparecencia. 

A prevalencia na Galiza é de 2,3 casos por cada 100.000 habitantes, explicou Feixoo, o que é unha taxa por baixo da media do Estado. Até as 13:00 horas de hoxe, no país tomáronse 345 mostras domiciliarias en relación ao novo virus e, en conxunto, realizáronse 591 análises.

Feixoo tamén fixo referencia a que se limitarán as visitas a maiores de 75 anos ou con calquera patoloxía cardíaca ou respiratoria nas residencias de maiores, e que non se permitirá que accedan ás residencias persoas que presenten síntomas como tos ou febre. Así mesmo, a Xunta pechará os todos os centros comunitarios a partir desta sexta feira.

Da mesma maneira, reclámase a "suspensión ou celebración a porta pechada de todas as actividades deportivas, incluídas as municipais". "Pedimos ás federacións que se xogue a porta fechada", explicou Feixoo, ou que se é posíbel se suspendan ou atrasen as competicións.

No ámbito sanitario, o presidenta galego lembrou que nos hospitais redúcese a unha visita por acompañante, que se suspenden as actividades de voluntarias nos centros hospitalarios e que se promove a e-consulta e a consulta por vía telefónica. "Sempre que non sexa imprescindíbel propoñemos non acudir aos centros de saúde", aseverou Feixoo.

A Xunta trasladou que xa se gastaron "dous millóns de euros en material", principalmente en "ventilación mecánica" e "máscaras". E Feixoo comunicou que estabeleceu un convenio co servizo vasco de saúde para subministrar de máscaras a Galiza. "O obxectivo é cortalo [o virus] canto antes e iso só se fai prevendo", dixo.