Médicos de Primaria “sorprendidos” polo confinamento de 5 días: “semella obedecer a cálculos non sanitarios”

(Europa Press)

A Agamfec quere “poñer en valor” o labor dos médicos de familia no brote na Mariña.

A Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec), que agrupa a máis de mil médicos de familia, indica estar “sorprendida” porque a duración do confinamento decretado para A Mariña sexa de só 5 días.

“A sorpresa non é tanto pola medida en si, que ten lóxica para así minimizar o risco de expansión do virus, senón pola sospeitosa duración da mesma, que semella obedecer a cálculos non sanitarios”, indican nun comunicado.

Aínda así, afirman, “os médicos de familia da zona van seguir aplicando con toda profesionalidade os protocolos clínicos de illamentos aos contaxios e aos seus contactos, sen ter en conta outras consideracións ou criterios que se aparten da evidencia científica.”

Defenden o “rigor e profesionalidade” do persoal sanitario, algo que, indican, “botamos en falta nos responsables políticos”.