Médicos galegos denuncian o "estrepitoso fracaso" da Xunta na xestión da Atención Primaria

Unha sanitaria revisa os resultados de probas PCR (Foto: Europa Press).
"A descoordinación entre o servizo de rastrexo e os centros de saúde é escandalosa", salienta a Confederación Estatal de Sindicatos Médicos na Galiza (CESM), que tamén censura as continuas "desautorizacións" e "faltas de respecto" ao persoal facultativo desde o Goberno galego.

A Confederación Estatal de Sindicatos Médicos na Galiza (CESM) denunciou esta cuarta feira o "estrepitoso fracaso" da Consellaría de Sanidade na xestión da Atención Primaria após dous anos de pandemia por covid-19, e exixiu "medidas concretas" para que os centros de saúde non teñan que limitarse "unicamente" ás persoas doentes con coronavirus e ás urxencias, como acaba de ordenar o Sergas en 14 centros da área sanitaria de Vigo.

O Sindicato Médico asegurou que as decisións adoptadas nos últimos meses "non fixeron máis que sementar o caos e a confusión", tanto entre as e os pacientes como entre o persoal facultativo.

"Os facultativos dubidan, en moitas ocasións, sobre cal debe ser o seu modo de actuación dada a incesante sucesión de pautas e protocolos que o único que levan é unha Atención Primaria totalmente desbordada, con xornadas de até 190 pacientes nalgunha PAC; cuns profesionais esgotados; con cada vez máis cadros de depresión e ansiedade e un desánimo e desalento total", subliñou a agrupación sindical.

Matizaron ademais que a "descoordinación" entre os rastrexadores e os centros de saúde é "escandalosa". Segundo indican, o teléfono de atención ao paciente para notificar os positivos que eles mesmos se realizan "está colapsado continuamente" e, ao final, o cidadán ten que recorrer ao centro de saúde, "engrosando así unhas axendas xa de seu inasumibles".

Neste sentido, o CESM insistiu en que as baixas por esgotamento, por tensión, por ansiedade ou por contaxios do coronavirus aumentan "dunha forma moi preocupante" e advertiron de que, "se non se pon remedio urxentemente, a Atención Primaria corre serios riscos de crebar".

"Cada vez máis facultativos recoñecen abertamente que teñen que recorrer aos antidepresivos e os ansiolíticos para enfrontarse diariamente á consulta", afirma o sindicato.

Reforzos nos centros de saúde

O Sindicato Médico pronunciouse ademais sobre os reforzos da Xunta da Galiza aos centros de saúde, coa incorporación de 86 médicos xubilados para tramitar baixas e facer o seguimento de pacientes de covid-19, que o CESM non ve "mal", pero si lle reprocha ao Executivo autonómico que "hai 8 anos, cando moitos facultativos en idade de xubilación quixeron prolongar a súa vida profesional, non se lles permitise".

"Esta incorporación é un parche máis aos que xa nos teñen afeitos, pero de ningunha maneira é unha solución á situación caótica que atravesa a Atención Primaria, como tampouco o é a creación de novas categorías anunciadas, coas que o único que lograrían sería facer menos atrayente o posto de traballo", sinalan.

O que realmente se necesita, afirman, é a incorporación de moitos máis profesionais "cuns soldos equiparables a países da contorna e unha estabilidade laboral para que resulte atractivo traballar na Galiza, en lugar de exporse abandonar a sanidade pública para ir á privada, como moitos médicos sopesan xa".

CESM Galiza conclúe que, "coa continua desautorización e as faltas de respecto cara aos facultativos que desde distintas instancias do Goberno autonómico fanse con relativa frecuencia, non poderá tapar a súa incompetencia e o que si conseguirá, probablemente, é que a fuga de facultativos continúe sine die".

Cualifican de "represalia" a restrición de actividade en 14 centros de saúde de Vigo

Pola súa parte, a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (ADSPG) cualifcou esta cuarta feira de "represalia" a decisión da Xunta da Galiza de restrinxir a actividade en 14 centros de saúde de Vigo, cuxos médicos só atenderán urxencias e covid; unha decisión que consideran que Feijóo tomou "ante as protestas para salvar a Atención Primaria".

"Curiosamente, o fechamento de consultas afecta en gran medida a localidades que realizaron mobilizacións de protesta polas restricións na Atención Primaria", e enumeran: O Rosal, A Guarda, Oia, Cangas, Moaña, Ponteareas, O Porriño, Tomiño, e algúns centros da cidade de Vigo.