Médicos critican o "zafarrancho de combate improvisado" do Sergas en Atención Primaria

Mobilización en Compostela en defensa da Atención Primaria nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)
O Sergas impón en Vigo a unha Primaria "saturada" que só atenda urxencias Covid.

A Atención Primaria (AP) afoga nesta sexta onda da Covid, que sitúa ao límite un servizo que chegaba a esta nova vaga esgotado pola falla de persoal e anos de recortes. A situación é límite, advirten desde hai tempo profesionais e sindicatos. Un escenario ante o que o Sergas vese agora na obriga de adoptar medidas "drásticas", en palabras dun médico da área sanitaria de Vigo.

Precisamente na área viguesa é onde a dirección da AP vén de dar un paso que non se desbota que se estenda a máis áreas: suspender en 14 centros toda actividade que non sexa urxente e centrar todos os esforzos na loita contra o "crecemento explosivo" da Covid.

A través dunha instrución da Dirección de Atención Primaria,  a aplicar en todos os centros de saúde que presentan un déficit de médicos de 50% ou máis e até o 10 de xaneiro, pídese pasar ao que o médico de familia en Vigo Manuel González cualifica en conversa con Nós Diario como "zafarrancho de combate". Isto implica, segundo expón, que os facultativos teñen que "bloquear" os ocos dispoñíbeis, "descitar" toda aquela actividade programada que se poida demorar e, ademais, traballar "unicamente a demanda, atendendo só a consulta urxente e relacionada coa Covid".

"Fracaso"

Para Francisco Xosé Gómez, da CIG-Saúde e membro da Xunta de Persoal da área sanitaria de Vigo, a circular vén recoñecer que en todo este tempo non se fixeron as cousas ben, para alén de responder á "improvisación" e de "non ser nin sequera falado previamente co persoal, algo moi típico desta xerencia".

E que implica esta circular para eses 14 centros da área sanitaria da Galiza que atende maior volume de poboación? "Que neses  centros se suspende toda actividade que non sexa urxente ou para atender a Covid, con todo o que iso implica", explica González.

Así, prosegue, non se van citar pacientes, aquelas consultas de seguimento e atención que non teñan que ver coas cuestións antes referidas van ser "trasladadas" a outras datas e só aquelas urxentes ou relacionadas coa pandemia van ser atendidas.

Isto vai ter repercusións evidentes, aclara o facultativo, para moitas persoas: "Aquelas con doenzas que non sexan para consideradas urxencia ou Covid van ver como fican relegadas, adiadas".

Para Francisco X. Gómez, "a xente está indignada, e iso non debe sorprender". Incide na "gran carga de traballo" que soporta o persoal de Atención Primaria e como esta circular "improvisada" supón recoñecer "o que todos sabiamos": que non hai persoal suficiente.

Consecuencia

Gómez e González coinciden en  sinalar que o escenario actual, para alén da  capacidade expansiva do coronavirus nesta vaga,  é consecuencia dunha política sanitaria concreta: a desenvolvida ao longo destes máis de 10  anos polos diferentes Gobernos de Alberto Núñez Feixoo e que teñen o seu principal punto negro na falla de persoal. 

Xosé Dios, médico de AP en Outes, lembra un dato a ter en conta: "Nos próximos anos xubilarémonos 78% do persoal".