50% dos médicos galegos contan con cupos de máis de 1.400 doentes

Un médico atende 2.200 persoas no centro de saúde de Seixo en Marín

Protesta das usuarias do centro de saúde de Seixo polos retallos sanitarios. (Foto: Plataforma veciñal)

A redución do orzamento destinado a Atención Primaria nótase particularmente na diminución do cadro de persoal dos centros de saúde e na falla de profesionais para dar resposta ás demandas dos usuarios. Tanto é así, que as principais reclamacións dos colectivos en defensa da sanidade pública e das organizacións sindicais sitúanse nesa dirección.

O centro de saúde de Seixo en Marín é un exemplo disto. Segundo denuncia a Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo, que agrupa a 20 colectivos das parroquias de Santomé de Piñeiro, O Campo, Ardán e Seixo “no centro de saúde de Marín hoxe só hai seis médicos de 14 e, en Seixo, un único facultativo para 2200 persoas”.

O colectivo indica que  “se non hai posibilidade de ter consulta no centro de saúde porque non hai medicos, se pasa o mesmo nas urxencias do PAC, a xente acaba por ir ás urxencias do Hospital Montecelo que están desbordadas. Ao final quen frega as mans é a sanidade privada. Este é o caldo perfecto para que a xente vaia desesperada a engordar os seus petos por unha atención que deberan ter na pública.”

“A falla de persoal é escandaloso. O Plan Mellora para a Atención Primaria establecía en 2007 a necesidade de 350 médicos máis, pero desde aquela fóronse producindo moitas vacantes que quedaron sen cubrir  polas limitacións á contratación impostas pola taxa de reposición. Así nos atopamos que máis de 50% dos médicos de Atención Primaria teñen máis de 1.400 tarxetas de usuarios”, sinala a Nós Diario o voceiro de Sós Sanidade Manuel Martín.

“Unha rateo que supera todas as recomendacións da OMS”

Martín lembra que “é unha rateo moi elevada que supera todas as recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS). Ademais na Galiza, por contar cunha poboación moi dispersa e moi envellecida, e por conseguinte que precisa de máis coidados resulta claramente insuficiente”.

A falla de persoal é unha constante ao conxunto dos servizos sanitarios de Atención Primaria. A este respecto, o médico do centro de saúde de Outes, Xosé María Dios, comenta a Nós Diario que “o problema básico é a falla de persoal e iso provoca a masificación”.

“En  Atención Primaria hai aproximadamente 1.000 prazas vacantes de médicos sen cubrir”, afirma Dios, quen “alerta que “sen facer unha previsión a un lustro non hai alternativa, porque os médicos de Primaria son un colectivo moi envellecido, onde máis de 30% dos actualmente en activo estarán xubilados nun prazo de cinco anos”.