Unha médica para 6.000 habitantes no Rosal, exemplo da "situación extrema" da sanidade no Baixo Miño

Centro de saúde do Rosal (Imaxe: Nós Diario).
A CIG-Saúde denunciou na sexta feira publicamente a “situación extrema” que sofren os centros de saúde da comarca do Baixo Miño debido á falta de persoal.

Os centros de saúde do Baixo Miño atópanse en “situación extrema”. É a denuncia que fai a CIG-Saúde, que informa de que na quinta feira, o centro de saúde do Rosal contou só cunha médica, “situación que se vén repetindo no últimos mes en varias ocasións”.

“A situación é grave, xa que ten que asumir a asistencia dun concello de máis de 6.000 persoas, que no verán ve aumentada a súa poboación”. Isto provoca que no caso de ter que asistir a algunha urxencia que requira ir acompañada ao hospital, a localidade quedaría sen persoal médico arredor de dúas horas debido á distancia que separa O Rosal de Vigo, onde se sitúa o hospital de referencia.

A sobrecarga de traballo do persoal coloca o centro nunha situación insostíbel, “máis cando se sabe que non se trata dun problema puntual, senón que se vai repetir durante o verán”.

A CIG pon tamén como exemplo o caso do centro de saúde de Oia, no que “un único facultativo ten que atender as dúas ausencias das médicas da localidade”. Neste centro, un único médico pode estar atendendo ao redor de 75 consultas, entre programadas e as urxentes, “situación que se ten visto agravada nos últimos días pola situación sanitaria do concello”.

O PAC da Guarda deixa de contar con reforzo de costa

Isto está a traducirse, advirte o sindicato, nun “aumento das asistencias do servizo de ambulancias da zona e do PAC [Punto de Atención Continuada] da Guarda”. Este último, por primeira vez en anos, non conta con reforzo de costa.

“No caso de ter que asistir a unha emerxencia fóra do centro a partir das 21 horas a poboación da Oia, O Rosal e A Guarda queda sen persoal sanitario na zona”, alerta a CIG, que lembra que o PAC dá asistencia a perto de 20.000 persoas dos tres concellos, poboación que experimenta un aumento significativo no verán”.

A central sindical aposta por mellorar as condicións laborais e estabilizar o emprego para atraer profesionais, xa que dos 16 residentes que completaron a súa formación na zona este ano só tres continuaron o seu labor nela. “É significativo o descontento xeneralizado nas condicións ofertadas pola Xerencia”, salienta a CIG.

Finalmente, o sindicato lembra que as Plataformas na Defensa da Sanidade Pública da Guarda e do Rosal veñen alertando nas últimas semanas sobre as deficiencias dos centros e sobre o deterioro constante da Atención Primaria nestas localidades, “así como reiterando a reivindicación histórica de dotar o PAC cun dobre equipo”.