De media, faleceu unha persoa ao día por suicidio no ano 2021

A voceira do Movemento Galego da Saúde Mental e psicóloga clínica, Rosa Cerqueiro Landín. (Foto: MGSM)
Aumentan nun 22,9% as mortes entre as mulleres.

O Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) analizou o informe do Instituto de Medicina Legal da Galiza (Imelga) publicado esta semana no que se recollen os datos sobre a mortalidade por suicidio no país en 2021. Segundo indica o MGSM, este informe é a única fonte de datos que proporciona información sobre os falecementos por suicidio, porén,  “do número e características das tentativas autolíticas nada se sabe”.

O documento evidencia que a tendencia da mortalidade por suicidio mantense en ascenso desde o ano 2018. Só en 2021 suicidáronse un total de 331 persoas na Galiza, case o equivalente a unha persoa por día; un 7,8% máis que en 2020. Esta é a cifra máis alta desde 2016, ano no que se produciron 349 suicidios.

Só en 2021 suicidáronse un total de 331 persoas na Galiza, un 7,8% máis que en 2020

A voceira do Movemento Galego da Saúde Mental e psicóloga clínica, Rosa Cerqueiro, expón a Nós Diario a súa preocupación ante os datos do informe. “Desde 2018 continúan subindo as mortes por suicidio, só se experimentou unha pequena baixada en 2020 polo confinamento, pero o ano pasado volveu ter unha subida importante”.

Se ben os falecementos por suicidio en varóns se manteñen en 227 casos, no caso das mulleres aumentou de 91 mortes en 2019, descendeu a 87 en 2020, e en 2021 volveu ascender a 107 suicidios. Así, o suicidio entre mulleres incrementouse en case 23% entre 2020 e 2021.

O suicidio entre mulleres incrementouse en case 23% entre 2020 e 2021

“Tamén é preocupante a franxa de idade”, alerta a psicóloga, “a cifra ascendeu nas idades menores de 20 anos” cunha maior incidencia nas rapazas, pois do total de nove persoas que morreron por suicidio, sete eran mozas

Colectivos máis afectados

Cerqueiro explica que sen investigacións en profundidade resulta complicado identificar as causas dos suicidios. Con todo, “xa coñecemos resultados de estudos rigorosos nos que se mostra que os colectivos máis afectados pola pandemia foron a mocidade e as mulleres”, un fenómeno “que coincide cos datos de mortalidade por suicidios”. Isto débese a que  o confinamento provocou que as novas xeracións "rachasen coas súas tarefas, coa educación presencial e coas relacións sociais" e que experimentasen un aumento na "incerteza polo futuro", explica Cerqueiro. 

Por outra parte, "as mulleres son un colectivo que, de forma clásica, contan cunha maior sobrecarga de tarefas" e, durante a pandemia, "a necesidade de coidados" aumentou de maneira considerábel, así como a precarización no traballo, que tamén lles afecta máis a elas.

Ante esta desagregación por xénero e idade, a psicóloga insiste na necesidade de realizar “valoracións de profundidade e multidimensionais” que contemplen “variábeis que se entrecruzan e se acumulan nas persoas en momentos determinados”. 

Máis investigacións

Así, Cerqueiro reclama unha maior investigación da problemática e a elaboración de máis informes, “non podemos esperar máis dun ano en obter os datos; se non coñecemos unha realidade dificilmente poderemos atallala”. Ademais, a psicóloga insiste en que o Goberno español debe traballar nesta cuestión “con moito rigor e seriedade, e cunha grande inversión de esforzo, tempo e orzamento”.

Segundo indica o MGSM, á espera da publicación dos datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) para o conxunto do Estado español, “con toda probabilidade a Galiza seguirá estando por enriba da media estatal” en canto á mortalidade por suicidio. Pois, denuncian, o balance do Plan galego de prevención do suicidio conseguido por presión cidadá en 2017 "tamén é negativo".