Medallas Pardo Bazán para a Federación de Mulleres Rurais de Ourense e a Rede contra os Malos Tratos de Vigo

Representantes da Rede de Mulleres Veciñais contra os malos tratos de Vigo nunha xuntanza (Foto: Xunta)
A ex presidenta da Casa Galiza Xapón, Megumi Shiozawa, recibe a título póstumo o galardón.

A Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense (Femuro) e a Asociación Rede Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos de Vigo foron recoñecidas coas Medallas Emilia Pardo Bazán 2020, un galardón que outorga a Xunta a persoas e entidades que traballan pola igualdade de xénero.

Ademais, recibe o premio a título póstumo a ex presidenta da Casa Galiza Xapón, Megumi Shiozawa, que faleceu o pasado mes de marzo.

A Xunta explica que estas medallas levan o nome da escritora Emilia Pardo Bazán por tratarse dunha "precursora" no ideario sobre dereitos das mulleres e feminismo, ademais de polo "carácter reivindicativo da educación das mulleres".

A Federación de Mulleres Rurais de Ourense (Femuro) naceu en 1998 e conta actualmente con 64 entidades asociadas. Aliás, forma parte do Consello Social de Ourense e do Consello Galego de Benestar.

A Asociación Mulleres Veciñais Contra os Malos Tratos de Vigo atende demandas cotiás de mulleres, especialmente mediante intervención directa con aquelas que sofren violencia de xénero.