Entrevista

Marilar Aleixandre: "Aínda en 2021 hai persoas ás que lles resulta imposíbel pronunciar a palabra homosexual"

Marilar Aleixandre recollía a terza feira o Premio Blanco Amor pola súa novela 'As malas mulleres'. A autora repasa con 'Nós Diario', xornal co que colabora, as chaves desta obra "contra a desmemoria" que se centra nas presas no cárcere da Galera (A Coruña), mesturando personaxes de ficción con figuras históricas como Concepción Arenal e Juana de Vega.
Marilar Aleixandre. (Foto: Xosé Castro)
photo_camera Marilar Aleixandre. (Foto: Xosé Castro)

A obra que lle deu o Premio Blanco Amor a Marilar Aleixandre xurdiu durante o confinamento. "Nunca escribín unha novela tan seguido, pero nunca estiven tanto tempo na casa fechada, sen poder andar polo monte", comenta a autora. O encerro levouna precisamente a pensar nesas "malas mulleres" do cárcere da Galera (A Coruña) que lle dan título.

"Querido Eduardo, fuches dobremente excluído, por seres homosexual e por seres fiel ao Goberno constitucional", manifestou a pasada terza feira ao recoller o galardón. Segundo denunciaba a través das súas redes, estas palabras foron substituídas por algúns eufemismos nalgúns medios. Que denota isto?

"Fiel ao Goberno constitucional e non aos golpistas", foi a frase completa. Era unha nota de prensa que se deu desde a Deputación de Ourense. Creo que denota que aínda en 2021 hai persoas ás que lles resulta imposíbel pronunciar a palabra homosexual.

"Houbo quen saíu xa do armario, pero a palabra [homosexual] parece que non"

Houbo quen saíu xa do armario, pero a palabra parece que non. E o mesmo a respecto de golpistas e Goberno constitucional. Blanco Amor foi iso que se chamaba un roxo e a súa obra sufriu censura e exclusión por eses dous motivos.

A miña novela é un exercicio contra a desmemoria, aínda que do século XIX, non ten que ver coa República. Porén, precisamente nun acto coma este debería recollerse o que comento sobre a memoria de Blanco Amor. E, sobre todo, non se pode pór entre aspas unha declaración distinta do que digo. É moi importante chamar ás cousas polo seu nome, hoxe en día xa non hai que falar de amor escuro.

É a desmemoria unha doenza que afecta con forza a sociedade actual?

Hai moitos problemas dos que non se pode dicir afectan á sociedade porque parece que así fosen un andazo bíblico. É como o machismo, a exclusión das mulleres non é un fenómeno meteorolóxico. A desmemoria tampouco, houbo intención de que se esquecesen determinadas cousas e non se falase delas.

Como aparece esa desmemoria en As malas mulleres?

Hai unha máis consciente e outra que ten a ver con diferentes urxencias da sociedade en cada momento. O exercicio de memoria da novela ten varios planos, un deles o das mulleres anónimas que estaban no cárcere da Galera. Ademais do das barcas nas que os penados remaban, ese foi o nome que se deu aos cárceres de mulleres, desde comezos do século XVII.

"Considero un exercicio importante recuperar esas mulleres anónimas, que segundo un documento de Arenal eran 300"

Concepción Arenal foi visitadora de prisións, que non é un cargo en plural: cando foi destituída -no século XIX os Gobernos cambiaban moi rápido de signo- desapareceu. E foi visitadora na Galera. Sorprendeume que persoas con moito interese e atención pola historia da Coruña non coñecesen a existencia dese cárcere que logo deu nome á rúa.

Considero un exercicio importante recuperar esas mulleres anónimas, que segundo un documento de Arenal eran 300. Hai algunhas notas de prensa en xornais, pero pouco máis. Preguntando, unha persoa díxome: "as cousas que son duras procuran borrarse".

Se queres saber máis desta obra non tes máis que mercar o Nós Diario de mañá nos quiosques ou na nosa loxa para a súa lectura na nube. Tamén podes facer a subscrición xa mesmo: atoparás unha opción que se adapte a ti!

Comentarios