Opinión

De esencias e medallas

[María Obelleiro]

As institucións públicas queren colgarse as medallas da devolución do Pazo de Meirás ao seu lexítimo herdeiro: o pobo galego. De momento, será o Goberno estatal quen xestione o inmóbel espoliado pola familia Franco. Na tarde de onte decorría unha reunión da vicepresidenta primeira española co presidente do Goberno galego, co da Deputación da Coruña e co alcalde de Sada e mais a alcaldesa da Coruña. Chama atención que a Xunta da Galiza queira aparecer publicamente como abandeirada da recuperación do Pazo de Meirás cando non deu un paso até que se viu obrigado pola Xunta Pro Devolución do Pazo constituída baixo o auspicio da Deputación.

Se Meirás volve hoxe ao seu lexítimo propietario é grazas ao movemento galego da memoria, a comezar polos autores do libro Meirás: un pazo, un caudillo, un espolio, de Carlos Babío e Manuel Pérez, que durante anos investigaron todo canto rodeaba o ben, atesourado de maneira ilícita polo ditador, á sombra da súa autoproclamación como xefe do Estado. Feixoo aludía onte a gardar a “esencia” do inmóbel e volvía ampararse na figura de Emilia Pardo Bazán. Meirás debe ser un centro para a recuperación da memoria e para a denuncia da represión.

Comentarios