O meco das boliñas que “veñen e van”: a crise dos pellets protagonizará o Entroido de Compostela

Guillermo e Faia, do grupo De Vacas, José Manuel Méndez e Pilar Lueiro na presentación do meco compostelán. (Foto: Nós Diario)

O pregón da capital correrá a cargo de De Vacas

Compostela abrirá esta fin de semana as celebracións do Entroido, que contará este ano cun 'meco' inspirado na crise ambiental dos pellets e que terá como pregoeiro ao grupo musical De Vacas. A concelleira de Festas, Pilar Lueiro, presentou esta terza feira os detalles desta celebración nun acto no que tamén participaron Faia e Guillermo, do grupo De Vacas.

O 'meco' abrirá as festas este sábado, día 10, cun percorrido polas rúas de Compostela (desde a Praza de Cervantes) para quedar instalado no balcón do Pazo de Bendaña, onde permanecerá até o día 14, cando será queimado na praza Roxa.

Desde o Pazo de Bendaña, esta figura tradicional do entroido compostelán escoitará, do mesmo xeito que todos os presentes na praza do Toural, o pregón de inicio das festas a cargo do grupo compostelán De Vacas, "que fai versións musicais de éxito mundial cun formato 'retranqueiro' e divertido", lembrou a edil.

O meco está inspirado na traxedia ecolóxica dos pellets que chegaron ás costas galegas nos últimos meses xa que o tema "ten que ser de actualidade e recompilar ao mesmo tempo todos os males do ano", detallou o seu creador, José Manuel Méndez, que explicou que se trata do boneco número 32 que realiza para o Entroido compostelán. O espírito detrás da figura do Meco é queimalo "para ver se non se volvan repetir estas cousas".

Desde o sábado e ata o martes 13 "varias comparsas e charangas percorrerán as rúas da cidade", así como "as asociacións folclóricas da cidade, Colexiata de Sar e Brincadeira, que animarán os entroidos rurais".

A cita central da xornada do domingo será o Festival Infantil de Disfraces, que terá lugar na Sala Capitol e na que poderá participar calquera crianza menor de 14 anos, con entrada libre e inscrición previa. Haberá baile, sorteo de agasallos e concurso de disfraces en tres categorías: individual, parella ou grupo.

O día grande do Entroido, a terza feira 13, traerá o desfile de Entroido, que partirá da avenida de Ferrol ás 17.30 horas. Ao final do percorrido, os participantes concentraranse na Sala Capitol, onde a partir das 20 horas terá lugar a actuación dos Bregadiers, e, posteriormente, a entrega dos premios do desfile. A concelleira anunciou que, como novidade este ano, "todos e todas as compostelás que participen e non resulten premiados van ir a un sorteo polo que percibirán unha gratificación simbólica pola súa participación".

A cuarta feira, 14 de febreiro, Santiago despedirá o Entroido coa tradicional "comitiva fúnebre" que levará o 'meco' desde a praza do Toural até a praza Roxa, coa participación das comparsas que o levaron o sábado: os Conformistas, A Ruliña e Os Armatroulas, para a súa incineración ás 21 horas. Poden participar todas as persoas que o desexen, que deberán vestir de rigoroso loito para a ocasión.

A programación complétase co Entroido tradicional dos Xenerais da Ulla, que o sábado 17 protagonizará o desfile das Xeneraliñas da Semente, e co Entroido de Conxo, que ofrecerá un amplo programa de actividades ao longo de toda a xornada.