Màxim Huerta: "O xurado internacional estaba con Tanxugueiras e Rigoberta"

Màxim Huerta, presentador do Benidorm Fest (Foto: Joaquín Reina / Europa Press).
O presentador do festival a canda Alaska e Inés Hernand recoñeceu que tanto Felix Bergsson como Marvin Dietmann estaban entusiasmados coas propostas da galega e da catalá.

A final do Benidorm Fest, da que saíu vencedora Chanel con SloMo, continúa a ser asunto de análise e debate. 

A polémica non cesa e o intercambio de impresións tampouco. Un dos últimos en responder ás críticas da audiencia tras se resolver o certame que deu a coñecer o nome da artista que representará a España en Eurovisión foi o condutor da cerimonia, Màxim Huerta.
Segundo recoñeceu en Socialité, o feito de que Tanxugueiras, as máis votadas polo público, obtivesen unha puntuación baixa por parte do xurado especializado responde a unha acollida dispar de Terra por parte das cinco persoas expertas.

O xurado internacional, coas galegas

"Direiche que tanto Felix Bergsson como Marvin Dietmann -ambos os dous parte do xurado internacional- estaban emocionados con Tanxugueiras, pero o voto é individual", e se as representantes do xurado estatal -Natalia Calderón, Miryam Benedited e Estefanía García- votaron á baixa a canción galega dándolle máis puntos a outras opcións, "isto desmóntase", concluíu.

"Eles estaban con Tanxugueiras e Rigoberta", mais os seus puntos non foron suficientes, tampouco cos votos do público.
"Eu tiven a sensación, desde o principio, de que ía haber sorpresa final", aseverou Màxim Huerta.

"Chanel estaba entre as favoritas, pero claro, con esas dúas potentes actuacións todo o mundo flipou moito. Lembra a Chipre, Grecia, a grandes divas como Jennifer López", xustificou a posta en escena vencedora.

Dixo, ademais, que "en caso de empate, tería pesado máis o público. Pero España non son só as redes", engadiu antes de afirmar que darlle todo o poder ao público pode ser contraproducente polo que defendeu a presenza dun xurado de expertos

Sobre a canción gañadora e a presenza de Chanel en Eurovisión no mes de maio, en Turín, sentenciou: "Enviar a Chanel non é enviar máis do mesmo".