A maxia do lume volveu á Galiza pola noite de San Xoán

Cativas e cativos saltando unha cacharela onte en Compostela (Foto: Arxina).
A noite de San Xoán na Galiza, coas súas tradicións, volveu marcar outro ano máis o inicio do verán. Desde a costa até o interior numerosas localidades acolleron as cacharelas propias desta data.

A noite de San Xoán de 2023 contou, de inicio, co beneplácito meteorolóxico. O bo tempo acompañou na Galiza e fixo que as campas e os areais estiveran ateigados de xente e a asistencia de persoas ás numerosas cacharelas superara todas as expectativas. Tradicións como as herbas de San Xoán continuaron a adiantar as actividades previas con numerosos percorridos para localizar e identificar os ingredientes do cacho.

Foi o caso de Compostela, cidade na que se organizaron roteiros e actividades na praza de Mazarelos ademais de manter o “tren cacharelo” para visitar parte das 24 cacharelas públicas, a maioría no casco histórico, que alumearon a noite. 

Tamén no interior, Lugo celebrou o San Xoán facendo coincidir a súa festa do Arde Lucus. Ademais dunha gran cacharela onte na zona do pavillón municipal, continuarán hoxe e mañá as actividades cunha extensa programación. Ribadavia (O Ribeiro), ademais de ter unha fogueira, celebrou a súa "Noite Máxica" cunha exposición, unha cea e un concerto.

Pola súa parte, na Estrada (Terra de Montes), a parroquia de Berres contou co ritual dos fachos e a cacharela no seu areal fluvial. Unha tradición. a dos fachos, que se vivirá esta noite no monte da Peneda, en Soutomaor e Redondela, co pregón do artista Xurxo Souto.

Un elemento que non faltou esta noite, nin nas fogueiras públicas nin nas privadas, foi a tradicional sardiña que este ano moderou o prezo (8 euros a máis cara) pola súa abundancia, ou o churrasco, que oscilou estre os 9 e os 11 euros, segundo fose de porco ou tenreira.

O lume e as praias

Mais como outros anos a festa buscou de novo os areais galegos. Alén do tradicional ritual das nove ondas na praia da Lanzada, entre O Grove e Sanxenxo (O Salnés), numerosas localidades da costa galega acolleron esta festa. 

Entre as máis relevantes estivo a da Coruña, que contou este ano con máis de 600 licenzas para cacharelas, sardiñadas e churrascadas. O centro da celebración estivo na praia do Orzán, con centos de fogueiras, mais comezou antes na de Riazor con música, fogos artificiais e a tradicional falla que este ano se dedicou á lenda do Dépor Arsenio Iglesias, ao seu xogador Lucas Pérez e a Pablo Picasso. Da dimensión da festa falan as 120 toneladas de madeira que distribuíu o Concello co obxectivo de que non se queimasen materiais tóxicos. 

Outro dos puntos de atención da pasada noite na costa galega estivo en Nigrán (Vigo) con 74 fogueiras no municipio, na súa maior parte nas praias de Panxón, coincidindo coas súas festas patronais, e en praia América. Estes non foron os únicos puntos costeiros que acolleron a festa nos seus areais. O lume visitou tamén, entre outros, os municipios de Oleiros e Bergondo (A Coruña); Ribeira e Boiro (Barbanza) ou Vilagarcía (O Salnés).

No caso de Carballo e Poio, ademais, a celebración estivo marcada por unha programación especial polas súas festas patronais. No caso de Vigo, con 25 cacharelas e 17 sardiñadas, a novidade foi a recuperación da fogueira en Bouzas que o ano pasado tivo que suspenderse.