Master Chef fixo pasar por galego un lumbrigante de fóra da Galiza

O lumbrigante empregado no programa (Imaxe: RTVE)

A investigación da Xunta sobre a procedencia de lumbrigantes ovados empregados no polémico programa de Master Chef  na Coruña conclúe que o marisco era "foráneo", non extraído en augas de Galiza.

Segundo explican fontes da Consellaría do Mar a Europa Press, constátase que non se produciu "ningún tipo de irregularidade" no proceso de comercialización destes exemplares ao non tratarse de produto local.

Con todo, a Xunta condena a "mala praxe" e lamenta que o programa televisivo "ficcionase a proba na que se empregaron os lumbrigantes dando a entender que eran galegos cando realmente non o eran".

Igualmente, apela á responsabilidade e rigorosidade de todos os axentes sociais, incluídos medios de comunicación, para velar pola calidade e máximas garantías dos produtos do mar galegos de cara á súa "boa imaxe nacional e internacional".

A raíz das múltiples reaccións que se propagaron polas redes sociais sobre o lumbrigante, o Goberno galego iniciou unha investigación. A normativa galega que regula os talles mínimos de produtos pesqueiro "estabelece a prohibición de reter a bordo, transbordo, desembarco, transporte, almacenamento, venda, exposición ou comercialización das femias ovadas dos crustáceos independentemente do seu tamaño". 

A Xunta conclúe que non é de aplicación esta norma galega por ser produto de fóra.

Un programa con polémica

O programa de Master Chef decorrido na Coruña xa tivo polémica por unha imitación do que os presentadores entenden por "acento galego". Usuarios de redes sociais, entre eles representantes políticos como Ana Pontón (BNG), escritores e portavoces do movemento asociativo criticaron o sucedido.

De feito, A Mesa pola Normalización Lingüística emprazou esta semana a un apagamento de RTVE -salvo no horario en lingua galega- como protesta polo sucedido.

A polémica non ficou o día da retransmisión do programa, pois nas xornadas posteriores o cociñeiro e membro do xurado de Master Chef Jordi Cruz definía a lingua galega como un "dialecto".