As máscaras e os 'fulións' da Veiga, este sábado, no Sermos Galiza

O Fulión da Veiga percorrendo as rúas da vila en 2014.
O semanario que acompaña Nós Diario cada sábado achégase a un dos entroidos de valdeorras, o 'entrudio' da Veiga. Mais non deixa atrás a historia do nacionalismo galego, cen anos despois da IV asemblea de Monforte, nin as ensinanzas da mestra María Vázquez Suarez, feminista represaliada e asasinada no 36.

Na fin de semana grande do Entroido galego, o semanario Sermos Galiza achégase á comarca de Valdeorras para dar conta do 'entrudio' esquecido da Veiga. Faino da man da antropóloga Fátima Braña nunha entrevista na que repasa a historia, os nomes e as máscaras propias dunha festa que sobreviviu a ditadura e a emigración forzada da veciñanza.

Foi a xente do lugar quen deu pé a un primeiro traballo de campo sobre o 'entrudio' que permitiu recuperar máscaras de vello como o Boi, o Charrelo ou as Señoritas. Após viría un estudo completo desta celebración, encabezada por Braña a canda o investigador social Carlos Ares, o historiador Víctor Rodríguez e o estudoso do Entroido Lois Pardo.

Todos os detalles das figuras e dos folións da Veiga, das máscaras e dos traxes, están no Sermos Galiza desta semana nunha peza asinada por Antón Escuredo

'A mestra na memoria'

Na mesma edición, Héctor Pena descobre a figura de María Vázquez Suárez, "segundo as crónicas da época, a primeira muller en falar en público en Miño". Mestra e feminista, foi unha persoa comprometida politicamente coa II República e as ideas socialistas, moderna nas aulas e ambiciosa no ámbito da pedagoxía, silenciada, vítima da represión e asasinada en 1936.

Xosé Barros rememora a IV Asemblea Nacionalista de Monforte. Baixo o título "Cen anos de odisea galeguista", reconstrúe os tres días en que os referentes do galeguismo se reuniron para debater e conformar a constitución dun movemento político, cultural e social "que aínda hoxe encadra e vertebra o discurso do nacionalismo".

Unha nova entrega do Colectivo Xea, convida o público lector a 'Andar e ver' Padrón, na comarca de Compostela, "De Santiaguiño do Monte a Iria Flavia" no trito final á beira do río Sar.

Libros, cinema e escena

Mario Regueira repara en Silencio, de Agustín Agra, editado por Galaxia, ao tempo que Susana Sánchez Aríns se entretén con Era uma vez (e muitas outras serão), de Johanna Schaibble, traduciudo po Isabel Minhós e Mariana Vale, en Palneta Tangerina.

O eco das ondas de César Morán devólvenos a música de Tanxugeiras. Belém Tajes incorpora os sons de Mounqup, Cuarteto caramuxo e Arrythmia.

Na páxina de cinema, Andrés Castro achégase á fita de Paco Plaza A avoa, ademais de ampliar a lista de recomendacións con varias estreas e resestreas.

Unha axenda que completa Manuel Xestoso coa última proposta de Sarabela, a montaxe Morgana en Esmelle. Unha obra que nace do texto de Begoña Caamaño baixo a dirección de Ánxeles Cuña.

O Sermos Galiza venderase conxuntamente con Nós Diario este sábado 26 de febreiro, ao prezo de sempre do semanario —64 páxinas por tres euros—. Nos quiosques e puntos de venda habituais e na loxa. Se non es subscritora ou subscritor, non dubides en adherirte.